Mos asina un acordo para que os seus traballadores poidan manter a xubilación anticipada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaMos
A-
A+
Reunión da rexedora cos representantes sindicais

Reunión da rexedora cos representantes sindicais

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o Secretario municipal, reuníronse hoxe no Concello con representantes de todas as forzas sindicais para asinar o acordo colectivo que permita manter a xubilación parcial e anticipada dos traballadores municipais nados anteriormente ó ano 1958.

Este acordo, segundo explicou a rexedora local, ampárase ao abeiro do disposto no artigo 8 e na disposición final quinta do Real Decreto-Lei 5/2013, do 15 de marzo que favorece as medidas para promover a continuidade da vida laboral dos traballadores de maior idade e promover o envellecemento activo. Deste xeito, administracións que teñen contempladas nos seus convenios as xubilacións parcial e anticipada, como é o caso do Concello de Mos, poden mantelas previa sinatura dun acordo colectivo que debe ser remitido e rexistrado no INSS, Instituto Nacional da Seguridade Social.

A tal fin, durante a reunión celebrada esta mañá na Casa Consistorial, a administración local mosense presentou o listado dos traballadores afectados, nados antes da data 31 de decembro de 1957, que se beneficiarán deste acordo e que representan o 18% do total da plantilla municipal; e asinou, de mans da rexedora local e do presidente do Comité de Empresa, o devandito acordo entre o Concello e os representantes dos traballadores.

Os traballadores beneficiarios deste acordo son todos aqueles que ata o día 31 de decembro de 2018 cumpran os requisitos esixidos, e anteriormente citados, para a xubilación parcial. Ditos traballadores poderán solicitar a reducción da súa xornada laboral entre un mínimo do 25% e un máximo do 75%.

Toda a documentación emitida durante a reunión de hoxe, tanto o listado de traballadores como o documento do acordo colectivo, será comunicado e posto a disposición do INSS de inmediato para que os traballadores do Concello de Mos afectados poidan manter a posibilidade de xubilación parcial ou anticipada que se contempla no Real Decreto.

O acordo asinado esta mañá ten vixencia dende hoxe e ata o día 31 de decembro de 2018.

12 de abril de 2013 | 15:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.