Monforte solicita unha subvención do INEGA para aforrro enerxético
O concello de Monforte solicitou ó INEGA, ente vinculado á consellería de Economía e Industria, unha subvención para renovar a iluminación pública nos barrios de A Estación e Rio Seco.
A convocatoria de axudas do INEGA destínase a actuacións para “Proxectos de renovación das instalacións de iluminación pública exterior”, para as que se oferta a achega do 70 % do seu custo.
O proxecto presentado pola concellería de Servizos Municipais, cun orzamento de 30.000 euros, ten como finalidade a mellora do aforro enerxético en varias rúas dos citados barrios monfortinos.
No barrio da Estación levaríase a cabo a renovación da iluminación pública nas rúas Calvo Sotelo, Pontevedra, San Pedro, Juan Ramón Jiménez, Curros Enríquez, Ribeira, Avelino Cachafeiro, Carlos Casares e Jacinto Benavente. Nestas rúas substituiríanse as lámpadas actuáis por outras de vapor de sodio de baixa potencia, reducindo o gasto enerxético sen prexudicar a iluminación da zona.
No barrio de Rio Seco, o proxecto recolle a substitución de lámpadas e luminarias na rúa Rio Seco. Instalaríanse lámpadas de vapor de sodio de baixa potencia e un modelo de luminarias máis eficiente que ás actuáis tipo globo, xa que estas expanden a luz e incrementan a contaminación lumínica.
Noutras zonas do barrio de Rio Seco tamén se proxecta levar a cabo a substitución das lámpadas actuáis por outras de baixa potencia.
A colocación dun reloxo astronómico que propicia un aforro do 5 % respecto ó sistema de fotocélula (axustando o acendido e apagado da iluminación), e a substitución de equipos ferromagnéticos por equipos electrónicos de dobre nivel que permiten incrementar o aforro enerxético, son outras actuacións que afectarán a totalidade do barrio de Rio Seco.
Estas actuacións, para as que se solicitou subvención ó INEGA, enmárcanse na política de aforro enerxético que leva a cabo o Goberno municipal.
Este tipo de intervencions son continuas e tiveron especial relevancia nos proxectos do chamado “Plan E” que puxera en marcha o anterior Goberno socialista. Daquelas, a reforma de instalacións de iluminación pública para aforro enerxético contara cun investimento de 390.000 € e afectara ás rúas Cardeal, Paseo do Malecón, ronda Emilia Casas, Rosalía de Castro, Estrela, Hortas, Lois Pereiro e Celso Emilio Ferreiro, así como ó barrio do Casar e ó Campo de San Antonio.
Un dos obxectivos marcados dende un principio polo Goberno municipal foi a racionalización do consumo enerxético, na procura do aforro no gasto e do respecto ó medio ambiente.
Xosé Lois Rivera, concelleiro de Servizos Municipais, subliña que as intervencións na procura do aforro enerxético baséanse fundamentalmente na substitución das lámpadas de vapor de mercurio por luminarias de vapor de sodio de alta presión, o que supón un aforro no consumo de entre un 30 e un 60 %, e na instalación de redutores de fluxo que propician que as luminarias traballen a un 30 ou 40 % a partir de determinadas horas. Outras intervencións realizadas polo Concello na procura da racionalización das instalacións existentes e na redución do gasto enerxético afectaron ós cadros eléctricos, ó cableado, e á colocación de reloxos astronómicos.











