Migallas Teatro abre a programación cultural de primavera en Tomiño

Presentación da programación cultural
A Concellaría de Cultura do Concello de Tomiño presentou este mediodía a súa programación de primavera, centrada no teatro; unha aposta por seis grupos teatrais galegos, incluídos algúns da comarca e do propio municipio, coma é o caso da Escola Municipal de Teatro de Tomiño, que porá en escena dúas obras.
Coma complemento á programación teatral, organízanse tamén dúas exposicións artísticas. Por unha parte, a da pintora lusa Orlanda Gomes, titulada “Olladas de muller”, e pola outra, a de Xuxo Malone, escultor baixomiñoto e autodidacta.
A concelleira de Cultura, Cristina Martínez, sinalou durante a presentación da programación, na que estivo acompañada polos organizadores do Festival Primavera do Cine e pola pintora Orlanda Gomes de Faria, que o Concello quere apostar nesta tempada polo teatro, despois de facelo nas anteriores polo humor e a música tradicional, con moito éxito de público (máis de 1500 persoas no ciclo Humor Tomiño).
Así, a obra infantil “O libro máxico”, de Migallas Teatro, abrirá a programación cultural de primavera o domingo 28 de abril ás 18.30 horas, con entrada de balde para o público infantil.
Seguiralle “Memorias dun neno labrego” (monólogo sobre o libro de Xosé Neira Vilas), da Compañía Abrapalabra, o sábado 11 de maio, ás 22.00 horas. A obra, para todos os públicos, terá unha entrada simbólica de tres euros.
O 18 de maio ás 22.00 horas, o grupo de teatro afeccionado Aloia, de Pazos de Reis (Tui), porá en escena a peza titulada “A vinganza da Petra”. Para todos os públicos e de balde.
A Compañía Acontrabutaca traerá ata o auditorio goianés monólogos e skeetchs cómicos en “Dous son Parella”, o sábado 25 de maio ás 22.00 horas. Esta obra está indicada para maiores de 16 anos e a entrada custará 3 euros.
A programación continuará ao longo do mes de xuño, con dúas propostas ben diferenciadas. En primeiro lugar, o día 1, o dúo Alfonso Vallejo (Luis Iglesia B. e Xabier Deive) escenificará o espectáculo teatral “Gaivotas subterráneas”. Este espectáculo está indicado para maiores de 13 anos e a entrada será de 3 euros.
Por último, a Escola Municipal de Teatro de Tomiño protagonizará dúas pezas: “O pano da avoa” e “O nacemento do dragón”. Con esta última proposta, prevista para as sete da tarde, darase por pechada a programación de primavera.
Exposicións
Dúas exposicións artísticas completan o programa cultural para os meses de abril, maio e xuño. Orlanda Gomes de Faria (nada en Madeira, Portugal, e residente en Tomiño) amosará a súa colección de pintura “Olladas de muller”, entre o 5 e o 21 de abril (inauguración 5 de abril ás 20.30 hs.), de luns a domingo de 10.00 a 13.00 e de 17.00 a 19.30 horas. A pintora, presente na rolda de prensa deste mediodía, explicou que a súa mostra está composta por 16 óleos de estilo realista, entre os que hai bodegóns, flores, paisaxes, etc.
Pola súa banda, Xuxo Malone (artista autodidacta nado en A Guarda e veciño de Tomiño na actualidade) exporá “Imperfeccións”, unha mostra escultórica con diferentes técnicas (do 18 de maio ao 2 de xuño). A inauguración desta última mostra será o día 18 de maio ás 20.00 horas. Ambas exposicións poderán contemplarse no Auditorio de Goián.
Festival de cine
A estes eventos culturais hai que sumar o Festival Primavera Cine, que terá lugar os días 6 e 7 de abril no Auditorio de Goián (todas as pases son de balde) e do que se informou onte en nota de prensa.
Laura Pereira e David Esperón, de “reencantos producións”, que tamén estiveron na rolda de prensa, manifestaron a súa satisfacción pola boa disposición amosada polo Concello de Tomiño para acoller a mostra cinematográfica, na que estarán presentes varios dos directores galegos que participan no festival.











