publicidade hoxe

Mesía acolle dous cursos de formación de desempregados da Rede Xiana 2

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMesía
A-
A+

O Concello de Mesía participa no proxecto Rede Xiana 2, promovido pola Deputación da Coruña e cofinanciado polo Fondo Social Europeo co propósito de diminuír os niveis de desemprego tratando de mellorar as capacidades profesionais das persoas desempregadas e apoiando o autoemprego.

No marco deste proxecto, desenvólvese un programa formativo que combina formación teórica con experiencia laboral en entidades e empresas da provincia pertencentes a sectores económicos relacionados coa formación impartida.

Ademais, a Rede Xiana 2 ofrece orientación laboral para a inserción das persoas desempregadas e apoio na procura activa de emprego con titorización e seguemento persoal permanente. No caso de persoas emprendedoras, ofrécese asesoramento especializado para a posta en marcha da súa idea empresarial.

Nestas accións formativas poderán participar persoas demandantes de emprego coa tarxeta actualizada, maiores de idade e empadroadas no municipio.

Poderán optar a doce áreas formativas. Dúas delas desenvolveranse en Mesía: unha de sensibilización ambiental, de nove horas de duración, e outra de produción de hortalizas ecolóxicas, de 290 horas. As demais son: obradoiros de empregabilidade en Frades (30 horas); habilidades sociais e comunicativas en Frades (15 horas); alfabetización informática e internet en Val do Dubra (10 horas); responsabilidade social en Ordes (15 horas); procura de emprego e novas tecnoloxías en Val do Dubra (15 horas); apoio para a preparación de probas en competencias clave en Ordes (60 horas); medio ambiente na agricultura en Cerceda (25 horas); manipulación de alimentos en Frades (10 horas); creación de empresas e autoemprego en Oroso (400 horas); e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións en Trazo (570 horas).

O prazo para inscribirse comeza o vindeiro 15 de abril e rematará o 3 de maio, ambos os dous incluídos.

Para obter máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á área de emprego do Concello de Mesía, ou chamar ao teléfono 981 68 70 01.

23 de abril de 2013 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.