Mellora dos servizos e do espazo urbano na Colonia Pina
O Concello de Pontevedra iniciará a vindeira semana os traballos de mellora da Colonia Pina, situada na parroquia de Salcedo. O concelleiro delegado do rural, Demetrio Gómez informou esta tarde aos veciños dos prazos de execución da obra e tamén lles solicitou colaboración (co estacionamento de vehículos, por exemplo) durante as semanas que se realicen os traballos.
A actuación prevista neste barrio realizarase en dous treitos. Na entrada á Colonia Pina farase un asfaltado da subida até as vivendas, dado que é o único tratamento posible neste espazo de gran pendente.
No segundo treito, o vial principal onde se atopan as vivendas, daráselle un tratamento similar ao do centro urbano. Instalaranse novos servizos -especialmente importante é a nova rede de saneamento-, e o tratamento en superficie será de lastro entre faixas de pedra.
O proxecto ten un custe de 60.000 euros.











