Mellora da capa de rodadura e o rebacheo de vías en máis de 15 quilómetros de estradas de Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal
A-
A+
Tarefas de bacheo

Tarefas de rebacheo

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Obras e Servizos que dirixe Luís Lamas, vén de comezar esta semana, aproveitando o bo tempo e o cese das choivas, varios traballos de rebacheo e mellora de vías en todo o municipio, unhas melloras que afectan a 14 parroquias e a máis de 15 quilómetros de estradas do Concello. En primeiro lugar estanse desenvolvendo os traballos de rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Carballo (rúa Nardos), Goiáns, Oza, Lema, Rebordelos, Sofán, Sísamo, Berdillo, Rus e Entrecruces incluídos no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) 2012 por un importe de 95.698 euros. Así mesmo, e tamén no ámbito do rural, está en marcha o proxecto de Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños nas parroquias de Rus, Artes, Bértoa, Lema, Goiáns, Sísamo, Sofán e Carballo por un prezo de adxudicación de 74.620,70 euros. Por último, tamén está en marcha o proxecto de Conservación do pavimento das rúas do casco urbano de Carballo por un prezo de adxudicación de 134.310 euros. As dúas últimas actuacións están incluídas no Plan DTC 94 da Deputación da Coruña, “Unha Deputación para todos os concellos”.

O investimento total das actuacións en marcha ascende a 304.628,70 euros e no caso do proxecto de conservación das vías do casco urbano (na imaxe), as melloras afectan as rúas Gran Vía, Vila de Ordes, Avenida de Bergantiños, Vila de Corcubión, Vila de Negreira, rotonda da Rúa Sol, rotonda da Avenida da Milagrosa, rúas Valle Inclán, Emilia Pardo Bazán, Perú, Luís Calvo Sanz, Vicente Risco e Alexandre Bóveda. Nestes momentos as tres actuacións mencionadas están, ben en marcha, ben a punto de principiar á espera de que remate o acondicionamento dalgunhas vías co despexe das cunetas. Hai que lembrar que, a estes labores puntuais de conservación, mellora e rebacheo de vías do municipio, hai que engadir os labores que o Concello de Carballo -a través da Concellaría de Obras e Servizos- realiza de forma cotiá para a conservación e mantemento dos espazos públicos, así como para o mantemento de vías e beirrarúas co seu desbroce, tanto no casco urbano como nas parroquias.

22 de abril de 2013 | 12:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.