Medio centenar de mozos interesáronse polo curso de manipulador de alimentos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

O curso de Hixiene Alimentaria para Manipuladores de Alimentos organizado pola Concellería de Xuventude no marco das accións formativas tendentes a favorecer a empregabilidade da mocidade vilagarciá contou cunha excelente acollida xa que as solicitudes presentadas duplicaron o número de prazas dispoñibles. En total foron 50 os mozos desempregados que se interesaron por asistir á actividade que conta con 25 prazas. A lista de admitidos pode consultarse nas dependencias da Concellería e no taboleiro de anuncios da web municipal www.vilagarcia.es

O curso organizado polo departamento que dirixe Francisco González permitirá aos alumnos obter o certificado oficial de Manipulador de Alimentos, unha acreditación que se require para poder acceder a diversos postos de traballo relacionados co sector da alimentación: hostalaría, comercio de comestibles, carnicerías, charcuterías, pesca e marisqueo, industrias transformadoras, agricultura, para traballar nun comedor escolar, etc…

A actividade consistirá nunha xornada formativa de tres horas de duración que se impartirá o venres, 19 de abril, na sala de conferencias do Auditorio Municipal. O curso será impartido por un Enxeñeiro Técnico Agrícola e da Industria Agraria e Alimentaria da empresa ENATOP Enxeñería e servizos, unha entidade de formación autorizada pola Dirección Xeral de Saúde Pública. O profesional é ademais licenciado e Ciencias e Tecnoloxías dos Alimentos. Os alumnos recibirán toda a documentación relativa ao curso e, ao final da actividade, expediráselles o pertinente carné individual que os acredita como Manipulador de Alimentos. A participación no curso é de balde.

Esta acción formativa está dirixida de xeito exclusivo a mozos e mozas de 16 a 35 anos de idade desempregados e demandante de emprego, situación que debían acreditar presentando fotocopia da tarxeta do Servizo de Colocación. Ademais tiñan que estar empadroados en Vilagarcía.

16 de abril de 2013 | 09:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.