Medio Ambiente presenta un proxecto para impulsar a eficiencia enerxética no sector da edificación

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► A Coruña ► Local ▼
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Medio que dirixe Enrique Salvador, informa de que a cidade acaba de presentar un proxecto para fomentar o aforro de enerxía e o uso de fontes de enerxía renovable dentro do programa da UE Inteligent Energy. Trátase de adaptar a edificación residencial á lexislación europea nesta materia para contar con modelos urbanísticos máis sostibles e eficientes enerxeticamente e materializarase nunha serie de ferramentas dirixidas tanto aos propietarios de edificios coma a profesionais do sector.

Para este proxecto, o Concello conta co respaldo e apoio de colectivos coruñeses relacionados con este. Trátase de AGASCA (Asociación Provincial de Instaladores de Fontanaría, Gas e Afíns da Coruña); APECCO (Asociación Provincial de Empresarios da Construción); ASINEC (Asociación Provincial de Industriais Electricistas e de Telecomunicacións de A Coruña); APROINCO (Asociación de Promotores Inmobiliarios da Coruña), Unión Eléctrica Fenosa-Gas Natural; os Colexios Oficiais de Aparelladores e Arquitectos Técnicos da Coruña, de Arquitectos de Galicia, de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña, de Enxeñeiros de Camiños e de Enxeñeiros Industriais de Galicia; a Federación de Asociacións de Veciños da Coruña; e a Federación de Asociacións de Veciños Salvador de Madariaga.

O proxecto, que terá que ser aprobado pola UE, ten como principais obxectivos:

– Fomentar a eficiencia enerxética e o uso racional dos recursos enerxéticos.

– Promover novas e renovables fontes de enerxía e apoiar a diversificación enerxética.

– Promover a enerxía eficiente e o uso de novas e renovables fontes de enerxía no transporte.

– Diminuír a perda enerxética dos edificios, sobre a base de melloras en illamentos, carpintarías e fachadas.

– Valorar o potencial das cubertas dos edificios sobre a base da implementación de enerxías renovables.

– Diminuír as emisións de gases contaminantes á atmosfera, especialmente o monóxido de carbono.

– Realizar unha avaliación económica dos custos e beneficios que supoñan as medidas de obra civil, instalacións e enerxías renovables para incrementar a eficiencia e o aforro enerxético e o confort das vivendas.

Con esta iniciativa, o Goberno local ratifica o seu compromiso co medio e a súa aposta pola sostibilidade e pola busca dunha estratexia co cambio climático. Este proxecto súmase a outras actuacións como a firma do Pacto dos Alcaldes, que ten como principal obxectivo a redución de emisións de CO2 do 20% en 2020; ou a posta en marcha da Oficina contra o Cambio Climático, que, entre as súas funcións ten a de asesoramento aos cidadáns e a dinamización da Rede de Enerxía Sostible.

29 de abril de 2013 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.