Martín Fernández Prado inicia a rolda de reunións do PEPRI cos colectivos profesionais
O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, acompañado polo equipo redactor do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) de Casco Histórico, As Atochas, Peixaría e Orzán e técnicos da Concellaría de Urbanismo, mantivo unha reunión con representantes do Colexio Oficial de Aparelladores, Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros da Edificación para informalos sobre o documento e escoitar, de primeira man, as súas inquietudes e suxestións.
Desta forma, comezaron os encontros cos colectivos profesionais que, pola súa actividade, van ter un papel protagonista na aplicación do documento. Neste sentido, Concello e Colexio Oficial abriron unha liña de diálogo e colaboración para tratar de mellorar o Plan Especial en todos os aspectos que sexa posible. Este colectivo, pola súa banda, comprometeuse a facer chegar as suxestións dos cidadáns que se poñan en contacto con eles, ademais de estudar con detalle os temas relacionados coa normativa de intervención en edificios e elementos da fachada para realizar as súas achegas.
O concelleiro aproveitou para subliñar que todos os edificios comprendidos no ámbito do PEPRI poderán optar ás subvencións para a rehabilitación e realizar tanto obras de mellora coma instalación de ascensores. Así mesmo, poderanse realizar melloras e reformas en todos os edificios. Precisamente, este é o obxectivo que se persegue co plan: conservar e potenciar o noso patrimonio, tanto dende o punto de vista da calidade ambiental como histórico.
Nas próximas semanas, o concelleiro e o equipo redactor do PEPRI manterán encontros coa Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario; Colectivo 15001; Colexio Oficial de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos; e Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
Esta iniciativa é unha clara aposta do Goberno local pola transparencia do documento e o seu proceso de redacción e aprobación, así como por fomentar a participación e implicación dos veciños na súa elaboración. Súmase a outras medidas que perseguen este mesmo obxectivo como a notificación individualizada da aprobación inicial do documento aos 12.000 veciños; a exposición pública que se pode visitar na Casa de Cultura Salvador de Madariaga; a web www.coruna.es/urbanismo; e a formación dun equipo de traballo que, cita previa, atenderá persoalmente a cada comunidade de veciños ou propietario que demande información.











