Manuel Forcadela e Claudio Pozzani abren a programación do próximo trimestre de Poetas Di(n)versos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

A Concellaría de Cultura informa de que o luns, 22 de abril, arranca na Ágora a programación do próximo trimestre do ciclo de Poetas Di(n)versos co recital de Manuel Forcadela e Claudio Pozzani. A sesión, gratuíta e aberta a todo o público, empezará ás 20.30 horas.

Poetas Di(n)versos, a coidada programación poética impulsada polo departamento municipal de Cultura e dirixida pola poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño, continúa con novas citas mensuais ata xuño. O ciclo de recitais poéticos dobres que comezara co curso académico en outubro retoma a súa andaina esta primavera con Manuel Forcadela e Claudio Pozzani, que demostrarán que a vontade experimental e o emprego doutro tipo de recursos expresivos para enriquecer a poesía non son só patrimonio das últimas fornadas de creadores. Autores xa veteranos e cunha sólida traxectoria en galego e italiano, respectivamente, os dous introducirán elementos videográficos e sonoros na súa actuación sobre as táboas do auditorio da Ágora.

Forcadela é doutor en Filoloxía Galaico-Portuguesa e traballa como profesor titular na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Pozzani é un poeta, músico, performer e novelista italiano de proxección internacional, que participou nos festivais literarios e feiras do libro máis importantes de Europa, Asia, África e América.

O ciclo Poetas Di(n)versos constitúe a única programación estable de poesía de toda España que inclúe autores locais e internacionais. Tras a cita co italiano Claudio Pozzani e o poeta vigués Manuel Forcadela, fixada para o próximo luns 22 de abril, a programación proseguirá o 6 de maio cos autores Olalla Cociña (Viveiro, Lugo) e o macedonio Nikola Madzirov; e o 3 de xuño con Branca Novoneyra e o brasileiro Márcio André.

Dentro do compromiso da Concellaría de Cultura de achegar a poesía á sociedade, todos os actos do último trimestre desta nova edición de Poetas Di(n)versos serán gratuítos para todo o público interesado que, ademais, poderá solicitar a firma dos escritores invitados.

22 de abril de 2013 | 11:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.