“Malos hábitos” pecha o venres o ciclo de teatro de Paiosaco na Laracha
O teatro volverá a ser protagonista por partida dobre este venres no Concello da Laracha. A Casa da Cultura da capital municipal acollerá a partir das 18.00 horas a obra infantil titulada A verdadeira historia da cigarra e a formiga, incluída no programa do Mes do Libro. Máis tarde, ás 21.00 horas, o espectáculo Malos hábitos pechará o ciclo Vente a ver teatro que se vén desenvolvendo no centro sociocultural de Paiosaco durante as últimas tres semanas. En ambos casos a entrada é libre e gratuíta.
Teatro infantil na Laracha
A obra de teatro infantil A verdadeira historia da cigarra e a formiga, a cargo da compañía Teatro del Andamio, é un espectáculo familiar preferentemente dirixido a nenos de entre catro e nove anos que ten recibido premios de teatro a nivel internacional polo seu vestiario e a súa música orixinal. Na obra faise unha versión da coñecida fábula na que se descobre a cara descoñecida dos personaxes e onde a música e as cancións transforman o primeiro enfrontamento nunha bonita amizade.
A actuación será a partir das 18.00 horas na Casa da Cultura da Laracha.
Camila Bossa e Iolanda Muíños presentan Malos hábitos en Paiosaco
O ciclo Vente a ver teatro de Paiosaco concluirá o venres coa divertida e picante comedia Malos hábitos, na que as televisivas Camila Bossa (Mareas Vivas, As leis de Celavella, Matalobos, …) e Iolanda Muíños (Pratos Combinados, Libro de Familia, …) dan vida a dúas peculiares monxas de clausura que mostran algunhas das súas malas costumes.
Ambas actrices foron nominadas este ano aos premios María Casares de teatro precisamente polo seu traballo neste espectáculo, que comezará ás 21.00 horas no auditorio do centro sociocultural de Paiosaco.











