36.000 persoas converten a Expoordes na feira multisectorial máis importante da comarca

Degustación de champiñóns
Un ano máis a Feira Multisectorial e de Maquinaria Agrícola Expoordes superou as súas expectativas e máis de 36.000 persoas se achegaron ata a carpa instalada no Campo da Feira durante os tres días de celebración. Todos tiveron a ocasión de pasear polos máis de 120 stands que expoñen as últimas novidades dunha ampla gama de sectores. Construcción, ocio e tempo libre, agricultura, electrodomésticos, automoción, alimentación, cosmética, seguros,madeira, asociacións e organizacións sociais, limpeza. Todo isto e moito máis tivo cabida nesta edición de Expoordes.
Pero sen dúbida o que marcou esta xornada foi o ambente festivo e a gran cita gastronómica da XXIV Degustación do champiñón. En total foron máis de 7.000 kilos de champiñóns os que se prepararon en máis de 100 establecementos hosteleiros da vila. Xa fose en empanada, con allo, con salsa, á plancha, etc, todos os participantes nesta gran festa para o padal deron ben conta deles. Dende ben cedo as terrazas de bares e restaurantes acolleron a familias, pandillas de amigos, parellas, etc, que non quiseron deixar pasar a ocasión de saborear este prezado manxar.
Afortunadamente a situación meteorolóxica propiciou que o último día de celebración fose un auténtico éxito. Para elo foi imprescindible contar con música, que esta vez cooreu a cargo do grupo de gaitas Os Viqueiras de Ordes, que tamén estiveron acompañados por cabezudos. Os membros da Banda de Música de Ordes tamén quiseron estar presentes e ofreceron un recital a media mañá. Pola súa banda tanto Radio Ordes como outros medios de comunicación audiovisuais estiveron e informaron en directo dende o mesmo recinto realizando programas especiais. Ao longo de toda a vila extendíase a diversión e a festa con preto dun centenar de casetas, tiovivos, atraccións e postos de toda clase para adultos e nenos. Así todo Ordes convertiuse nunha gran celebración e festa que ningún quiso perderse e que durou ata ben entrada a noite.
Unha vez finalizada a cita foron moitos os participantes que mostraron a súa satisfacción polo volumen de negocio alcanzado e que lle comunicaron á organización a súa intención de volver a participar na próxima edición. Aínda que para elo haberá que esperar á última fin de semana de abril do próximo ano.











