Máis de 300 persoas velarán pola seguridade do II Maratón Coruña42

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportesLocalLocal Portada
A-
A+

O tenente de alcalde da área de Seguridade Ciudadana, Julio Flores, a concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, e o concelleiro de Deportes, Francisco Mourelo, presentaron esta mañá o dispositivo de seguridade que se poñerá en marcha este domingo, 21 de abril, con motivo da celebración do II Maratón Atlántico Coruña42. “Trátase dun importante dispositivo sanitario, de seguridade e de mobilidade no que colaboran máis de 300 persoas que atenderán aos máis de 2.200 atletas inscritos. Haberá tres enfermarías de campaña, seis ambulancias, instalarase un Centro Móbil de Coordinación de Emerxencias na praza de María Pita e reforzaranse os servizos de Policía Local, de Protección Civil e de Bombeiros, que contarán coa colaboración de efectivos do Corpo Nacional de Policía, así como de voluntarios de Cruz Vermella e de asociacións deportivas da cidade”, explicou Flores.

Flores explicou que o dispositivo se articula para garantir a seguridade dos participantes e facilita o uso de vías alternativas para os desprazamentos tanto a pé como en vehículo particular ou en transporte público. Instalarase o centro de coordinación de Emerxencias na zona de meta que contará coa presenza de Protección Civil, Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS), voluntariado e Policía Local. Tamén se montará un dispositivo do SEIS con dúas unidades na Praza de España para atender calquera incidencia que se poida producir na zona da Cidade Vella, Monte Alto ou Peixaría. O resto da dotación de Bomberos estará dispoñible no Parque da Grela atenta a calquera servizo que se poida producir”.

O dispositivo contará ademais cun equipo de 49 policías locais repartidos por toda a cidade e establecerán un equipo base de atestados na Estación de autobuses. Ademais, haberá 19 bombeiros vixiando o dispositivo e participarán 20 voluntarios de Protección Civil. “A este grande equipo únese a inestimable colaboración doutras 200 persoas entre voluntarios de Cruz Vermella, voluntariado de deportes e asociacións deportivas da cidade, técnicos municipais e persoal sanitario”, indicou Flores.

O dispositivo contará cun amplo dispositivo sanitario: seis ambulancias (tres na zona de meta, unha no edificio de turismo na rúa Sol, unha na explanada do Pazo dos Deportes e outra na Casa do Mar); un vehículo de intervención rápida de Protección Civil, tres motos medicalizadas e voluntarios de Protección Civil que recorrerrán o trazado en bicicleta; e instalaranse tres enfermarías de Campaña (dous en meta -Cruz Vermella e Protección Civil- e outra na rolda de Oza).

Tráfico e Mobilidade

A concelleira de Tráfico, Begoña Freire, explicou que “o circuíto estará completamente pechado ao tráfico e acoutado por valos e outros elementos delimitadores. A proba comezará ás 8.30 horas, cun tempo máximo de duración de cinco horas e media. Se a isto lle engadimos tempos de seguridade antes do inicio e tras a finalización da proba, o dispositivo terá case oito horas de duración, de 7.30 a 15.00 horas,”. Os 42,195 quilómetros disputaranse nun percorrido de tres voltas de 14.065 metros cada unha, situadas na zona centro da cidade.

O percorrido será o seguinte: avenida de Montoto, avenida de La Marina, Rúa Nueva, Rúa Alta, Paseo Marítimo ata a glorieta da Casa dos Peixes, regreso polo Paseo Marítimo ata San Roque de Afuera e xiro na Glorieta de Refuxio, regreso de novo polo Paseo Marítimo ata a glorieta das Escravas, Manuel Murguía ata Casa da Auga, regreso por Manuel Murguía, avenida de Bos Aires, Paseo Marítimo, Modesta Goicouría, Praza de Pontevedra, Juana de Vega, Praza de Mina, Sánchez Bregua, Praza de Ourense, Liñares Rivas, Primo de Rivera, Praza da Palloza, Casa do Mar, Estrada do Porto ata glorieta de Repsol, regreso á casa do Mar, avenida do Exército, Primo de Rivera, Liñares Rivas, Praza de Ourense, Sánchez Bregua, Cantóns, La Marina e avenida de Montoto, coa meta na praza de María Pita.

“Como consecuencia da proba, cortarase o Paseo Marítimo entre a glorieta da avenida de Monte Alto e a glorieta de Labañou no sentido de circulación que discorre pegado ao mar. En sentido contrario só estará aberto dende Rexedor Somoza cara á rúa Juan Canalejo aínda que con restricións xa que atravesa a carreira. A Rolda de Outeiro e a de Nelle, así como a avenida de Finisterre e Juan Florez manteranse abertas”, detallou e engadiu: “Tamén hai que ter en conta que entre a Praza de Ourense e Porta Real, o único vial posible para o tráfico será a Avenida de Alférez Provisional; dende Catro Camiños cara á Praza de Ourense non se poderá circular pola Palloza, Primo de Rivera e Liñares Rivas; e tampouco se poderá circular por San Andrés, xa que queda cortada á altura de Rúa Nueva e Rúa Alta,”.
Dende a Concellaría de Mobilidade recoméndase evitar na medida do posible o uso do vehículo particular entre as 8.00 e as 15.00 horas na zona centro da cidade e, en caso de necesidade, facilitaranse os seguintes itinerarios alternativos:

Cidade Vella e Monte Alto
– Acceso por Alfonso Molina, Liñares Rivas e Alférez Provisional, e Paseo da Dársena.
– Saída por Alférez Provisional, Liñares Rivas cara a Alfonso Molina. Carril contrario habilitado.

Zona centro, Ensanche
– Acceso por Enrique Hervada, Castiñeiras e Federico Tapia; e por avenida de Finisterre e Juan Flórez.
– Saída mediante un carril protexido dende a Praza de Ourense ata a avenida de Alfonso Molina e outra alternativa pola avenida Primo de Rivera ata avenida do Exército.

Zona centro, Peixaría
– Acceso. A zona limítrofe con Monte Alto e Cidade Vella ata o eixe Rúa Nueva-Rúa Alta, a mellor elección é facelo por Monte Alto utilizando o itinerario sinalado para esta zona da cidade. Para a zona comprendida entre Rúa Nueva e Rúa Alta – Praza de Pontevedra, haberá pasos permeables, é dicir, moi lentos xa que atravesan a carreira, situados en Fonseca con Juana de Vega, en San Andrés con Rúa Nueva, en Cordoaría con Rúa Alta e en Barrié de la Maza con Rúa Alta.
– Saída. A mellor opción é por Monte Alto. Cara a Juan Flórez só terán un paso permeable na Praza de Pontevedra con Modesta Goicouría.

Servizo especial de transporte público

A Concellaría de Tráfico e Mobilidade tamén puxo en marcha un dispositivo especial de autobuses coa finalidade de minimizar o impacto que a celebración da proba terá sobre o transporte colectivo, ao verse afectadas todas aquelas liñas que discorren por Monte Alto e Durmideiras. Begoña Freire informou de que a vía habilitada para o acceso e saída será a Avenida de Alférez Provisional.

En total veranse afectadas un total de 14 liñas: 1, 1 A, 2, 2 A, 3, 3 A, 4, 5, 6, 6 A, 7, 11, 17 e 23 A. Por este motivo, aínda que levásemos a cabo unha redución extrema do número de autobuses por liña, supoñería a circulación de catorce autobuses pola única vía dispoñible, Alférez Provisional, o que dificultaría en boa medida a fluidez do tráfico na zona”, destacou Freire, quen explicou a cambios que se levarán a cabo: “Polo tanto, para minimizar ese impacto, todas as liñas que circulan pola Praza de Pontevedra cara a Monte Alto, se desviarán por Juan Flórez cara a San Pedro de Mezonzo”.

Neste sentido, a concelleira debullou os cambios máis importantes no que respecta á mobilidade dos autobuses urbanos:

– Na zona de Catro Camiños, xunto ao resto de liñas que circulan dende Catro Camiños cara a Monte Alto, habilitarase unha parada provisional de buses urbanos para o transbordo de liñas e a articulación de buses lanzadeiras cada dez minutos dende as 7 horas, cara a Durmideiras e Monte Alto. Para iso, impedirase o aparcadoiro de vehículos no Paseo de Alexandre Bóveda, entre San Pedro de Mezonzo e a fonte de Catro Camiños para destinalo á parada provisional dos buses urbanos.

– Rotularanse estes buses con ‘Servizo Especial Coruña42, Monte Alto – Catro Camiños o que permitirá identificar tanto a excepcionalidade do servizo como o especial itinerario dos buses lanzadeira que discorrerán por San Pedro de Mezonzo, Henrique Hervada, Praza de Ourense, Costa do Parrote, Hotel Finisterre, Museo Militar. Mestranza, Orillamar 6 e 42, Cemiterio de San Amaro, Fonte de San Amaro, Residencia Torrente Ballester, Durmideiras praia e Mercado, Avenida de Navarra 57 e 27, Santo Tomás 2 e 72, Glorieta Das lagoas, Hércules Mercado e número 37, Torre, Baltasar Pardal, Mestranza, Hípica, Xardín de San Carlos, Parrote, Porta Real, Praza de Ourense, Alfonso Molina (Praza de Madrid) e Lazos.

Ademais, para garantir a fluidez no tráfico de buses urbanos e en previsión de posibles incidencias levaranse a cabo as seguintes actuacións:

– Habilitarase na zona de Entrejardines un espazo libre onde se poida situar unha plataforma grúa que permita atender unha incidencia de autobús na Avenida de Alférez Provisional no menor tempo posible.

– En Catro Camiños facilitarase a circulación de entrada e saída dos autobuses dende e cara á parada provisional.

– Realizarase un plan informativo que inclúe o anuncio de todas estas medidas nos paneis municipais, páxinas web municipal e da Compañía de Tranvías, colocación de carteis en todos os buses, e outras medidas máis directas especialmente nos barrios afectados por esta celebración deportiva.

Paradas de Taxis

A partir das 00.00 horas do día 21, a parada de taxi do Cantón Grande trasládase a Santa Catalina e á rúa Entrejardines; a de Modesta Goicouría á Avenida de Rubine; e a de Paseo de Rolda (fronte a Escravas) ao tramo da Avenida da Habana próximo á explanada do pazo dos Deportes. Ademais, nos vaos haberá voluntarios de deportes para coordinar a saída de vehículos en caso necesario.

18 de abril de 2013 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.