Máis de 3.000 nenos de 23 centros da cidade participan nas Rutas Urbanas Animadas do Concello

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► A Coruña ► Local ▼
A-
A+

O programa Coruña de Aventura pon en marcha, a partir do luns 8 de abril e ata o próximo 3 de maio, as Rutas Urbanas Animadas dirixidas aos escolares dos centros educativos do Concello. En concreto, a actividade diríxese a nenos e nenas dende os 3 aos 8 anos, matriculados no segundo ciclo de Educación Infantil ata o segundo curso de Primaria.

As rutas son percorridos a pé pola cidade co obxectivo de que os escolares a coñezan dunha forma práctica, amena e divertida, a vivan e, ao mesmo tempo, adquiran valores e actitudes cívicas. Os percorridos están organizados en diferentes espazos emblemáticos da cidade e teñen paradas específicas que son traballadas polos escolares e educadores con material didáctico diverso e adaptado á idade e necesidades dos alumnos.

En total, organizáronse 9 rutas, que se actualizaron ou renovaron por completo. Así, a actividade inclúe percorridos polos xardíns de Méndez Núñez, considerado un museo a partir das súas estatuas; polos tesouros da praza de María Pita; polos Cantóns e galerías da Mariña; ou, por primeira vez, polo Pazo Consistorial, finalizando no Salón de Plenos onde os escolares escoitarán a historia da cidade escenificada nos diferentes talles de madeira.

En total rexistráronse 128 peticións de diferentes grupos de escolares pertencentes a 23 centros educativos da cidade, dos cales tres son escolas infantís municipais. Está previsto que participen 3.023 escolares inscritos de Educación Infantil e primeiro ciclo de Primaria.

Con estas rutas animadas ponse en marcha durante o curso escolar 2012-2013 o décimo sexto programa educativo municipal dentro de Coruña Educa, orientado a traballar cos escolares máis novos competencias básicas como son o coñecemento e interacción co mundo físico, así como a social, a cidadá, a cultural ou a artística.

5 de abril de 2013 | 10:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.