Llovo alerta do desprendemento da monocapa da fachada do Colexio da Lomba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Afortunadamente, o desprendemento dun pequeno anaco de monocapa da fachada do colexio a Lomba producido a primeira hora da mañá na zona de acceso ao centro non tivo maiores consecuencias. Pese a todo, a concelleira de Educación, Rocío Llovo, acompaña do responsable do servizo de Obras, trasladouse ao colexio tan pronto como recibiu a noticia a efectos de interesarse polo sucedido e alertar de inmediato á Consellería de Educación para que se tomen as medidas oportunas. A efectos preventivos, persoal municipal creou un perímetro de protección valando a zona por si chegaran a producirse novos descunchados.

Pese a tratarse dun anaco pequeno da monocapa que reviste a fachada principal do centro na súa parte máis alta, a concelleira amosou a súa preocupación ante a posibilidade de que a situación puidera ir a máis, sobre todo porque o descunchado sitúase sobre o acceso polo que entran ao centro os alumnos de menor idade. Por esa razón, Llovo apresurouse a comunicar o acontecido aos responsables da Consellería de Educación. Dende o propio colexio contactou co responsable da Unidade Técnica da Xefatura Provincial de Educación, a que, ademais de explicarlle o sucedido, le remitiu varias fotografías. Ao seu regreso ao Concello, a edil mantivo unha conversa telefónica co Xefe Territorial de Educación quen máis tarde lle devolveu a chamada para informar de que os feito xa foran postos en coñecemento do secretario xeral da Consellería.

Ao igual que a propia concelleira, os responsables da administración autonómica manifestaron a súa preocupación pola situación na que se atopa o colexio A Lomba pese a que se trata dun edificio construído hai apenas 5 anos. Tanto o desprendemento de hoxe como outras deficiencias de tipo estrutural xa comunicadas á Consellería son consecuencia dunha deficiente construción dun proxecto contratado e executado polo anterior goberno bipartito da Xunta de Galicia e que non foron corrixidas no seu día. A maiores, a empresa á que se lle adxudicou a construción deu en quebra e tardou ou moito tempo en presentar a documentación requirida, polo que non é posible facer valer os dereitos de garantía.

Rocío Llovo tamén se reuniu no centro con membros da Anpa e do equipo docente, aos que lles explicou as xestións realizadas dende o Concello ante os diferentes cargos da Consellería. Tamén se comprometeu a comunicarlles calquera decisión ou novidade que adopte o organismo autonómico tan pronto ela teña noticia.

11 de abril de 2013 | 16:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.