Llovo agradece a Educación a inmediatez resolvendo as deficiencias dos colexios A Lomba e Arealonga
A Concelleira de Educación, Rocío Llovo, valorou esta mañá a adxudicación das obras de arranxo das deficiencias do colexio A Lomba confirmada onte pola Xefatura Territorial da Consellería de Educación. Para a edil vilagarciá, o anuncio supón “unha excelente noticia tanto para a comunidade escolar como para o goberno local, e demostra unha vez máis o compromiso desta xefatura con Vilagarcía”. A responsable de Educación no Concello quixo agradecer expresamente ao xefe territorial e ao responsable da Unidade Técnica a atención que sempre lle dispensan ás consultas e peticións que lle traslada a edil, así como a axilidade coa que se buscaron solucións tanto para o colexio da Lomba como para o Arealonga “tendo en conta as complicacións económicas e administrativas que existían”.
Llovo participou onte na reunión que o Xefe Territorial e responsables técnicos de Educación mantiveron en Pontevedra con grupo de pais e nais de alumnos da Lomba dado que ela foi dende un principio quen se encargou de xestionar as peticións e estivo en permanente contacto cos responsables autonómicos tanto no caso das deficiencias da Lomba como nas de o Arealonga, participando en reunións e mesmo nas diversas inspeccións realizadas ás instalacións. Nestas dúas actuacións a Xefatura investirá 120.000 euros.
A concelleira de Educación dixo que ter a seguridade de que as obras nestes dous centros van a iniciarse en pouco máis de dous meses e que os problemas de maior importancia que presentan van a estar resoltos para o inicio do vindeiro curso “é algo do que todos temos que congratularnos xa que alumnos e profesores iniciarán o novo curso en setembro nunhas instalacións seguras e en condicións”. A concelleira engadiu que “tampouco hai que esquecer que as deficiencias que agora se van a arranxar viñan de moitos anos atrás, de tempos nos que a situación económica era máis boiante e había menos problemas para as administracións, e sen embargo, nada se fixo entón máis que deixar que a situación empeorase”.
Colaboración e reparto de cargas para suplir a escaseza de fondos
Pese á satisfacción de saber que os problemas máis importantes destes dous centros xa están encauzados, a edil recoñeceu que outros centros educativos do municipio contan con necesidades que tamén é preciso atender e que ela continuará insistindo e facendo as xestións precisas para buscarlles solucións coa maior brevidade.
Como se vén facendo dende o inicio do actual mandato, a concelleira comentou que o Concello acometerá as actuacións de mantemento e conservación que lle corresponden. No caso das que son de competencia autonómica, a Concellería manterá a eficaz liña de traballo seguida ata o de agora para poder suplir a falta de fondos mediante traballos conxuntos coa Xefatura Territorial de Educación. Esta colaboración para reducir custes levouse a cabo en actuacións como a renovación dos aseos e substitución do falsos teitos do Arealonga, onde o persoal municipal encargouse das labores de desmontado e pequenos arranxos, encargándose a Xefatura de contratar as obras técnicas e de maior envergadura. Noutros casos, a colaboración traduciuse en que a Xefatura proporciona materiais e o Concello a man de obra para realizar arranxos menores.











