Liquidación das contas do ano pasado no Concello de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O concelleiro responsable da Área de Economía do Concello de Ferrol, Alejandro Langtry Cainzos, deu conta hoxe da liquidación do Presuposto de 2012 e do informe de cumprimento do principio de estabilidade orzamentaria, temas que se abordaron na última Comisión de Contas celebrada na xornada de onte. Antes de detallar os datos, Langtry explicou que no informe de liquidación orzamentaria están incluídos os organismos autónomos, extinguidos o pasado 31 de decembro.

Así as cousas, o informe de liquidación da anualidade de 2012 presenta as seguintes magnitudes:

– Ingresos: 57,9 millóns de euros // Ingresos consolidados: 58,1 millóns de euros.

– Gastos: 53,2 millóns de euros // Gastos consolidados: 54,0 millóns de euros.

No que atinxe a porcentaxe de execución orzamentaria:

– Ingresos: 84,94% // Gastos: 78,04%.

O titular de Economía sinalou que estas cifras melloran substancialmente o grado de execución do capítulo de gastos, sendo a porcentaxe máis alta dos últimos catro exercicios. De feito, a liquidación orzamentaria de 2012 pon de manifesto un incremento de 6 puntos en gasto consolidado en comparación coas liquidacións dos anos 2009 e 2010, que foron de 71,42% e 72,36% respectivamente.

En canto á execución do cosolidado:

– Ingresos: 82,87% // 58,19 millóns de euros.

– Gastos: 76,92% // 54,02 millón de euros.

Destes datos despréndese, segundo apuntou Langtry Caínzos, que os ingresos consolidados do Concello de Ferrol subiron un 1,36%, mentres que os gastos consolidados baixaron un 7,62%.

Investimentos

O edil de Economía destacou a recuperación da estabilidade e a solvencia económica das arcas municipais, que se evidencia na reducción en máis de sete puntos e medio do total de gastos e no aforro bruto rexistrado en 2012 que ascende a 4,5 millóns de euros –unha vez descontados os gastos pasivos financieros, quedaría un aforro neto de 2 millóns de euros-.

“A rigurosidade na xestión económica permite ao Concello de Ferrol pechar a anualidade de 2012 con remanente en tesourería que dedicaremos a investimentos ao longo do ano en curso, as cales anunciará o alcalde en vindeiras datas”, dixo Langtry Caínzos. Este remanente ascende a 5,8 millóns de euros.

Plan de axuste e pago de facturas

O responsable de Economía do Concello de Ferrol destacou, así mesmo, que, como xa se deu conta no pleno do pasado mes de febreiro, estase cumprindo o Plan de Axuste aprobado polo Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas en 2012. “O cumprimento das medidas que se recollen neste plan vai permitir dispoñer de recursos suficientes para atender aos investimentos dos vindeiros anos sen necesidade de recorrer ao endebedamento”, explicou Langtry Caínzos. Así mesmo, o estrito cumplimento deste Plan de Axuste “axúdanos a cumplir co prinicipio de estabilidade orzamentaria”.

Para rematar, o edil ferrolá referiuse ao pago de facturas pendentes. Ao respecto, tal e como se recolle no informe de Intervención, lembrou que as facturas non contabilizadas en 2010 sumaban 10,5 millóns de euros e as de 2011 chegaban aos 8,1 millóns de euros, cantidades ás que habería que engadir aquelas facturas que nin sequera constaban en aplicación algunha. “A día de hoxe, reducimos o importe duns 12 millóns de euros pendentes de pago en facturas a 1,8 millóns de euros, que se corresponden co que serían aquelas facturas que chegarían ao final do exercicio 2012, seguramente en decembro, e non deu tempo á súa tramitación antes de pechar o exercicio”, detallou Langtry Caínzos.

17 de abril de 2013 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.