Lesme un conto? incluirá a proxección do conto musical “Pedro y el Lobo” en Neda
O Concello de Neda invita a nenos e maiores a participar mañá mércores nunha nova sesión do programa cultural “Lesme un conto?”. Celebraráse como de costume na Biblioteca Municipal da localidade, a partires das seis da tarde, aínda que nesta ocasión con novidade. Segundo explicou a concelleira de Cultura e Educación, Eva Olmo, o equipo municipal que guía a actividade incorporará á sesión a proxección do conto musical “Pedro y el Lobo”. Unha composición sinfónica de Sergéi Prokófiev escrita en 1936. Está baseada no conto popular ruso do mesmo nome, unha obra didáctica cuxa ensinanza reflicte a importancia da sinceridade.
“Lesme un conto?” é un proxecto de animación á lectura e achegamento ao centro municipal dirixido ás familias que se vén celebrando dende o mes de novembro cun notable éxito de participación. No mesmo, persoal propio do departamento municipal de Cultura, así como nais, pais e avós contan-leen diferentes narracións infantís para os seus fillos e fillas. Trátase de que os nenos e as nenas vexan e escoiten que os contos están nos libros e lles apeteza así leelos ou que llos lean. Tras estas “lecturas compartidas”, os máis pequenos da casa pasan un rato lendo cos seus familiares e volven a seleccionar aqueles libros que desexan levar á casa.
Doutra banda, a Biblioteca tamén acollerá mañá mércores unha nova sesión do Club de Lectura para adultos, aínda que nesta ocasión a actividade dará comezo ás 19 horas. A obra sobre a que xirará a sesión será “Morte en Venecia”, de Thomas Mann, protagonista este ano das Xornadas Literarias.











