Lalín potencia axudas á creación de emprego a través de autónomos e microempresas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal
A-
A+
Batán e Pérez presentaron a campaña a AED

Batán e Pérez presentaron a campaña a AED

Este programa de incentivos a proxectos empresariais por parte dos emprendedores enmárcase dentro da estratexia municipal para a promoción do empadroamento “Empadroáte: Lalín Suma”, estratexia que incide tamén na concienciación cidadá para captar novos/as veciños/as e manter o actual nivel de recursos económicos e a a categoría do concello de primeira // O dito programa de incentivos xunto coa realidade demográfica existente foilles presentado por parte das concelleiras de Emprego e Benestar, María José Batán e Paz Pérez, aos representantes da AED, para que fagan difusión e promoción entre os seus asociados, no primeiro dos encontros sectoriais que nos vindeiros meses se desenvolverán con colectivos lalinenses para sensibilizar á poboación da necesidade de empadroarse no municipio onde habitualmente residen e no que ademais reciben determinados servizos

As concelleiras de Actividade Económica, Comercio e Emprego e de Benestar e Emigración, María José Batán e Paz Pérez presentaron ao presidente da Asociación de Empresarios de Deza (AED) a campaña do Concello de Lalín para captar novos/as veciños/as, “Empadróate: Lalín Suma”.

Con este encontro desenvolto onte á tarde na sede da AED, o Concello de Lalín arranca o ciclo de reunións sectoriais que ten previsto desenvolver nos vindeiros meses con diversos colectivos lalinenses para conciencialos e sensibilizalos acerca da necesidade de sumar novos habitantes e, sobre todo, de que se empadroen persoas que residen habitualmente no municipio e que non están censadas en Lalín. Trátase deste xeito de manter así a clasificación de concello de primeira categoría que lle dá dereito o ter por riba de 20.000 habitantes e que determina o nivel de ingresos nas arcas municipais por parte do Estado e demais administracións públicas.

Na dita reunión na que participou por parte da AED, o seu presidente, Alejandro Campos; e a secretaria técnica, María Jesús García xunto con outros membros da xunta directiva, Batán e Pérez explicaron os termos globais desta campaña municipal coa que se pretende incidir na concienciación e sensibilización cidadá para promover o empadroamento e tamén no fomento do autoemprego e no apoio a emprendedores como piares básicos para captar novos/as residentes.

Batán informou aos integrantes da AED que “por descoñecemento nas empresas pode haber persoas que fan a súa vida en Lalín e que non están empadroados, simplemente porque non son conscientes da importancia que isto ten para o pobo no que desenvolve a actividade a empresa na que traballan”. Neste sentido -indicou- “temos que sensibilizar a esa poboación de que as infraestruturas industriais e empresariais (parques empresariais, estradas, accesos, etc.) dependen en gran parte dos recursos que poidan vir destinados doutras administracións ademais da municipal”.

“Ademais, os propios empresarios e comerciantes, así como os traballadores e familiares destes, son beneficiarios directos de servizos públicos como a sanidade (centros de saúde), os servizos sociais (as residencias da terceira idade, as escolas infantís, etc.), os servizos culturais ou deportivos, entre outros”, remarcou Batán.

A concelleira de Emprego fixo fincapé aos representantes da AED que “a caída de poboación implica directamente a perda de concello de primeira categoría que ten agora mesmo Lalín e así mesmo a perda de financiamento para prestar os servizos que se veñen prestando”.

Pola súa parte, a responsable de Benestar, Paz Pérez, brindou a colaboración do departamento de Benestar para o caso dalgunha empresa que estea interesada en informarse sobre a posibilidade de implantar un plan de conciliación ou un plan de igualdade que, entre outros aspectos, lle daría posición de vantaxe á empresa á hora de pedir determinadas subvencións.

Así mesmo Pérez dixo aos asociados da AED que se tivesen algún tipo de suxestión sobre se os horarios das escolas infantís non son o todo axeitados e flexibles ás necesidade das empresas que llo trasladasen ao departamento de servizos sociais para analizalo e ver se hai posibilidades de modificación.

CONCIENCIACIÓN AOS ASOCIADOS

As responsables municipais entregaron á AED o material divulgativo da campaña (carteis, folletos informativos e información en soporte dixital) a fin de que desde a Asociación fagan chegar esta información sexa trasladada a cada establecemento asociado (industria, comercio, servizos, etc.) de Lalín, para que os titulares das mencionadas empresas ou establecementos poñan á disposición dos traballadores a dita información que ten como último obxectivo que se faga efectiva a suma de novos/as veciños/as. “Isto é, ademais de informar á AED sobre a problemática demográfica, pídese que se traslade a información aos seus asociados/as”, subliña Batán. Ademais tamén se deixou o material para ser distribuído na propia sede social do colectivo.

Desde a AED comprometéronse a trasladar a información e colaborar na iniciativa e incluso a analizar se é positivo realizar algunha xornada informativa cos asociados. O resultado desta reunión neste aspecto foi positivo pola colaboración brindada.

ASENTAMENTO DA POBOACIÓN E CREACIÓN DE EMPREGO

Por outra parte, as concelleiras de Emprego e Benestar incidiron na xuntanza mantida coa AED que un factor determinante na dinamización da economía do pobo e consecuentemente da fixación da poboación no mesmo, está a creación do emprego e, á inversa, é dicir, unha das razóns principais do declive demográfico é a caída no emprego.

A fin de paliar esta situación, o Concello de Lalín, anunciou María José Batán, porá en marcha un programa de axudas municipais á creación de emprego. Esta iniciativa que será analizada e sometida á aprobación no próximo Pleno municipal conterá axudas económicas destinadas a financiar custos directos da posta en marcha dos proxectos empresariais por parte dos emprendedores.

Batán indica que “está previsto que este programa estea operativo no segundo semestre do ano, destinado a persoas desempregadas que cren e establezan a súa empresa en Lalín”. Ao respecto aclarou que “o proxecto terá que ser viable técnica, económica e financeiramente; así mesmo será necesario para poder ser beneficiario/a deste programa non ter débedas coas administracións e cumprir a lexislación vixente en materia de subvencións.”.

PROXECTOS PRIORITARIOS

“Dentro dos requisitos primaranse aqueles proxectos que supoñan a contratación de persoas que pertenzan a colectivos con maior dificultade de inserción, a promotores empadroados no noso Concello que contraten persoal empadroado á súa vez en Lalín; proxectos que implanten medidas de conciliación laboral e familiar e proxectos vinculados a actividades emerxentes ou novos filóns de emprego, entre outras”, concreta Batán.

A edila delegada precisa que “a contía das axudas establécese en 1.000 euros por proxecto dirixidos a facer fronte aos gastos de constitución, compra das primeiras materias primas, aluguer de local, aluguer de vechículos, seguros, etc”. “A subvención loxicamente terá que ir destinada aos anteriores gastos subvencionables detallados e para tal fin unha comisión fará avaliación e seguimento das axudas concedidas”, puntualiza.

María José Batán comunicou á AED que calquera emprendedor/a potencialmente beneficiario/a destas axudas poderá dirixirse á AEDL (Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local) do Concello de Lalín para tramitar ditas axudas, unha vez que sexan debidamente aprobadas e exposas as mencionadas bases.

5 de abril de 2013 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.