Lalín conmemora o Día Mundial de Internet cun concurso de fotografía móbil
No primeiro dos casos trátase de achegar o uso das novas tecnoloxías aos centros escolares e sensibilizar ao profesorado, alumnado e familiares da importancia que teñen para o desenvolvemento presente e futuro dos nenos facendo sempre un bo uso delas . No caso do certame de fotografía móbil o obxectivo é promover esta vía de comunicación como vehículo para a expresión artística dando visibilidade ás imaxes presentadas nunha páxina web habilitada ao efecto; poden participar as persoas maiores de 14 anos usuarias de facebook, instagram ou twitter
O concelleiro de Novas Tecnoloxías, José Antonio Rodríguez Fernández, anuncia que por mor da celebración do Día Mundial de Internet o próximo 17 de maio a través da web http://www.diadeinternet.org estase a desenvolver o certame “Cóntanos como ves internet” a nivel nacional. O #diadeinternet vénse celebrando desde 1997 cada 17 de maio por decisión da Asemblea Xeral das Nacións Unidas.
Rodríguez Fernández informa que “o dito concurso ten por obxectivo promover o bo uso das novas tecnoloxías nos centros escolares e á vez sensibilizar ao profesorado, ao alumnado e a familiares da importancia que estas teñen para o desenvolvemento presente e futuro dos nenos”. “Trátase de que os nenos de primaria dos centros educativos lalinenses, aos que se lles invita a participar activamente neste concurso, nos trasladen a través dos seus colexios a súa visión de Internet por medio de debuxos, contos e poesías”, explica.
“Os rapaces, unha vez subido os seus traballos na web por parte do seu profesor, poden mostralos na súa casa e solicitar os seus votos”, afirma. “Cada traballo ten que conseguir polo menos 5 votos para poder ser premiado; desta forma facemos partícipe deste certame ao ámbito familiar a quen lle achegamos tamén deste xeito as tecnoloxías”, salienta.
José Antonio Rodríguez puntualiza que “o próximo 30 de abril remata o prazo de presentación de traballos e ata o 6 de maio se poderá votar aos traballos que se presenten antes de comunicar o nome das persoas gañadoras, polo que nos gustaría difundir este certame nos centros educativos lalinenses para animarlles a participar e darlle soporte a calquera dúbida ou problema que poidan ter xa non desde a aula senón tamén desde a Oficina Cemit do Concello de Lalín”. “Entre todos os traballos premiarase a un/unha neno/a e ao seu profesor/a; nesta edición tamén se distinguirá ao colexio que consiga un maior nivel de participación no certame”, concreta.
As persoas interesadas poden consultar máis información no enlace http://www.diadeinternet.org/2013/?page=col_todos_colegios ou as bases en http://www.diadeinternet.org/2013/?page=participa_colegios.
A participación é libre e gratuíta e poden participar os centros educativos que impartan clases de Primaria. O procedemento para participar é moi sinxelo e ten que seguir os seguintes pasos: primeiro hai que dar de alta ao centro escolar enchendo o correspondente formulario; unha vez dado de alta, este recibe un correo con dous enlaces, un para compartir e ver todos os traballos do colexio e outro para que os profesores poidan dar de alta os traballos dos nenos (os traballos sempre os sobe o profesorado) das súas clases e, por último, no momento en que o profesor sobe os traballos, os nenos xa poden mostralos e solicitar no seu ámbito familiar os cinco votos necesarios para poder acceder aos premios.
CONCURSO DE FOTOGRAFÍA MÓBIL
A través da web http://www.diadeinternet.org vaise a realizar o I Concurso de Fotografía Móbil #ddi2013 “A tecnoloxía na miña vida cotiá” a nivel nacional. O obxectivo do concurso é promover a fotografía móbil como vehículo para a expresión artística dando visibilidade ás imaxes presentadas na dita web.
Así o afirma José Antonio Rodríguez que salienta que “a aula Cemit do Concello de Lalín, como instrumento de alfabetización dixital, conta entre os seus cursos con formación no eido da fotografía dixital, e por isto cremos que é moi axeitada que desde as aulas educativas se publiciten este tipo de curso polas vías que estimedes oportunas, incidindo sempre por parte do profesorado en facer un bo uso das TIC: correo electrónico aos usuarios das aulas, publicación no taboleiros de anuncios, páxina web do Concello, etc.”.
Os participantes deberán demostrar a súa creatividade mediante a presentación dunha fotografía realizada co móbil que reflicta como se utilizan as novas tecnoloxías na nosa vida cotiá. A fotografía subirase directamente á páxina web do día de internet.
O concurso ten como premio material fotográfico valorado en 1.000 euros. Os mellores traballos formarán parte dunha exposición que se abrirá o 17 de maio, Día Mundial de Internet. Poden participar todas as persoas maiores de 14 anos que sexan usuarias dalgunha destas redes sociais: facebook, instagram ou twitter, cuxas obras se adecúen á temática proposta; sexan únicas, propias e orixinais.
Un xurado composto por profesionais do mundo da fotografía decidirá os gañadores segundo a creatividade, orixinalidade, expresividasde e os votos on line das obras. Para máis información das bases do concurso, consultar o enlace: http://www.diadeinternet.org/2013/?page=participa_fotografia,mentres que a presentación das fotos se debe facer no seguinte enlace: http://www.diadeinternet.org/2013/?page=foto_presentar_trabajo.











