José Corbacho traerá o seu novo espectáculo ao Ágora da Coruña o 3 de maio
A Concellaría de Cultura que dirixe Ana Fernández anuncia que José Corbacho, dentro da xira de presentación do seu novo espectáculo teatral Corbacho 3 G, ofrecerá unha función no centro Ágora o próximo 3 de maio a partir das 21.00 horas.
O selo teatral Casa Terrat, que inaugurou a súa programación con Andreu Buenafuente e Berto Romero e o seu Nadie sabe nada o pasado mes de novembro, presenta a súa segunda produción, un one man espectáculo protagonizado por José Corbacho. En Corbacho 3 G, este actor, director, guionista e humorista utiliza como escusa as novas tecnoloxías para falar e rirse dos homes, das mulleres, da parella, os fillos, internet, as redes sociais, a política, o fútbol, a relixión, a televisión, o cine, o teatro…
José Corbacho empezou estudando Ciencias da Información, aínda que a súa verdadeira vocación foi o mundo do espectáculo. A finais da década dos oitenta formou parte do grupo teatral La Cubana e, dende do ano 2000, da produtora El Terrat, coa que realizou un gran número de programas de televisión. En 2005 debutou como director de cine xunto ao seu amigo Juan Cruz na película Tapas, recoñecida coa Biznaga de Oro á mellor película no Festival de Málaga e dous Goyas, entre outros premios.











