publicidade hoxe

Jesús Vázquez visitou o Museo Diego de Giráldez na Cañiza acompañado do Alcalde Miguel Domínguez

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CañizaLocal
A-
A+
Jesús Vázquez xunto ao pintor Diego de Giráldez

Jesús Vázquez xunto ao pintor Diego de Giráldez

Como bo anfitrión o pintor Diego de Giráldez mostrou a súa obra pictórica e escultórica ao Conselleiro de Cultura e Educación Jesús Vázquez Abad quen visitou o luns, 29 de abril, a Casa Museo do Pintor na Cañiza acompañado do Alcalde da Vila, Miguel Domínguez e do Xefe Territorial, César Pérez Ares, con motivo da próxima apertura do seu estudo por sétimo ano consecutivo.

Neste percorrido polo Museo puideron apreciar e admirar unha colección que supera as 250 obras distribuídas ao longo de 1.500 metros lineais de exposición.

Unha vez finalizada a visita o Conselleiro de Cultura manifestou a súa admiración por esta impresionante obra recollida no Museo da Cañiza e quixo animar a todos os amantes do mundo da arte, turistas, veciños, asociacións e centros escolares a coñecer de preto esta magnífica colección de realismo NAS.

O museo permanecerá aberto durante o mes de xullo e poderá visitarse todos os domingos en horario de cinco da tarde a oito da noite. Estes horarios poden verse modificados nalgunhas datas, por iso recoméndase informarse con antelación.

Esta edificación, de máis de 1.000 m2 e cinco plantas de altura, está situada en plena zona urbana e preside a Praza Maior da Vila, aínda que terá a súa entrada pola rúa Botica. Para os cañicenses é coñecida como o antigo cuartel da Garda Civil da Cañiza, xa que durante moitos anos e ata hai tan só tres décadas albergaba as oficinas e vivendas da benemérita na localidade.

Na Casa Museo os visitantes poderán contemplar, coñecer e admirar a prolífica obra deste pintor de renome, creador do realismo NAS, acepción coa que se coñece a súa pintura e que por méritos propios e polas súas excepcionais calidades alcanzou fai xa anos un posto significativo dentro da pintura contemporánea española.

Diego de Giráldez está considerado polos expertos como un inimitable retratista da natureza, capaz de ofrecer a realidade do cotián con total sinxeleza, escapando da profusión e o adorno, recorrendo aos mínimos elementos plásticos e achegando ás súas obras unha clara visión do mundo natural. As súas obras sempre impregnan no observador un acento de desconcerto e provocación. A súa pintura nunca pasa desapercibida porque está salpicada de innumerables e en ocasións mínimos detalles e esencias que o ollo humano se ve obrigado a descifrar e comprender.

Por iso os críticos e expertos que estudaron a fondo a súa obra, unha obra que comezou xa no ano 1.975, acertan ao dicir que as creacións de Diego de Giráldez non pasan desapercibidas: impactan, sorprenden e enganchan.

30 de abril de 2013 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.