Ioga, maxia e teatro centran as actividades propostas polo Concello de Boiro ata maio
Estes días, e ata o 16 de maio, o Centro Social de Cabo de Cruz dará cabida a diversas actividades e actos:
– CURSO DE IOGA. O 30 de abril ás 18:00h. impartirase un obradoiro de “Ioga da Risa”. @s interesad@s poden inscribirse chamando ós teléfonos: 635 66 62 65 / 627 47 49 81 ou ben por email: firamagica2012@gmail.com
– INAUGURACIÓN EXPOSICIÓN. O venres 3 de maio ás 20:00h. terá lugar a inauguración da exposición fotográfica “Paradas no Camiño” de Toño Vila. Según o autor: “Paradas no camiño”, son unha serie de fotografías que xorden de xeito espontáneo no transcurso de viaxes, excursións, camiñadas,… forman parte de vivencias persoais moi enriquecedoras e teñen como tema predominante as paisaxes.
A técnica empregada na maioría das fotografías aquí expostas consiste en fusionar 3 ou máis fotografías tomadas de xeito consecutivo e variando algún/s parámetro/s da exposición (Bracketing), coa que se conseguen imaxes máis contrastadas, con cores saturadas e con máis detalle nas luces e nas sombras (Algo semellante ao que estamos acostumados a ver cos nosos ollos). Co emprego desta técnica as imaxes resultantes caracterízanse por transmitir forza, dinamismo, un certo ton dramático (ás veces) e en ocasións tamén adquiren un aspecto pictórico. A exposición poderase visitar todo o mes de maio durante o horario de apertura do centro.
– MAXIA. O sábado 11 de maio ás 18:00h., o supermercado Claudio-Jomi de Cabo de Cruz quere celebrar o seu 9º aniversario cos seus amigos e clientes pasando una tarde divertida e chea de maxia coa actuación do Mago Xacobe. (Auditorio do CSoCC. Aberto ao público en xeral. Entrada gratuíta).
– TEATRO. O martes 14 de maio as 11:00h. no auditorio do centro social representaranse varias obras de teatro cuxos actores serán os pequenos pero grandes artistas do colexio STª Mª do Castro. Esta actividade forma parte da Semana Cultural que organiza o centro para celebrar o día das Letras Galegas (Máis información: Marisol – directora- 981 84 65 55).











