Inaugúrase a mostra “Libros de aquí” na mediateca coa presenza da maioría dos autores
Mañá 23 de abril, coincidindo co día do libro, inaugúrase na Mediateca do Grilo, a exposición “Libros de aquí”. Trátase dunha mostra coordinada por Carme Hermida, concelleira de Cultura de Teo, coa que se quere facer un recoñecememto público a autores naturais ou residentes en Teo. Precisamente a cantidade de material bibliográfico fixo imposible xuntar a todos os escritores nesta primeira exposición e agárdese unha segunda edición.
O acto de presentación será mañá ás 20:30 horas na Mediateca do Grilo e contará coa presenza da maioría dos autores, naturais ou residentes en Teo, presentes na mostra. A maiores dos cinco autores históricos: Enrique Líster, Hilario Teo, Bonifacio Suárez, Avelino Pousa Antelo e Gonzalo Rodríguez Mourullo poderase ver parte da obra ademais dunha nota biográfica doutros 18 escritores e escritoras. Nesta inauguración tamén estarán o alcalde de Teo, Martiño Noriega e a edil de Cultura, Carme Hermida.
O resto dos autores son os seguintes: Edita Cobas, Xerardo M. Carneiro, Pilar Buela Piedra, José María Cebeiro, Paula Carballeira, Xosé María Lema Suárez, Carmen Domech, Antón Dobao, Otilia Seijas, Valentín Carrera, Pilar Alén Garabato, Xan G. Muras, Elvira Souto, Xosé Luis Santos Cabanas, Rosa Gómez Limia, Enrique Raviña Rubira, Beatriz García Turnes e Ramón Villares.
Na selección intentouse buscar un equilibrio entre os autores nados en Teo e os residentes e entre homes e mulleres.
A mostra estará aberta ao público ata o 20 de maio de luns a sábado de 10:30 a 13:30 horas e de luns a venres de 16:30 a 20:30 horas.











