Gran participación veciñal nos cursos gratuítos de primeiros auxilios

Prácticas de primeiros auxilios
Un total de vinte veciños e veciñas de Frades participaron no primeiro dos tres cursos de primeiros auxilios organizados polo Concello de Frades e impartido por persoal especializado da Cruz Vermella no multiusos de Frades. As próximas citas serán este mesmo sábado 13 de abril no local social de Abellá e o próximo sábado 20 de abril no local social de Ponte Carreira, en horario de 9:00 a 14:00 horas. O Concello de Frades xa ten confirmada a asistencia de máis de 40 persoas, se ben aínda é posible anotarse no 981 69 55 67 ou na Casa do Concello.
Durante cinco horas, persoal especializado da Cruz Vermella explicoulles aos veciños e veciñas distintas técnicas de actuación no caso de accidente. Así, as veciñas aprenderon técnicas de primeiros auxilios, dende como facer a respiración boca a boca ata como comprobar a tensión dunha persoa. Uns coñecementos que puideron aplicar eles mesmos sobre uns bonecos destinados á aprendizaxe de primeiros auxilios e baixo a atenta guía de persoal da Cruz Vermella. Deste xeito, coñeceron que facer nos primeiros momentos nos que se produce calquera tipo de accidente.











