Gran afluencia durante a primeira fin de semana de “Bai de Tapas”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaLocal
A-
A+
Degustación das tapas

Degustación das tapas

Baiona viviu o primeiro fin de semana de Bai de tapas con grande afluencia de público nos locais adheridos á campaña. O sábado unha ducia de responsables de blogs de turismo e gastronomía que contan con preto de 10.000 seguidores, realizaron a ruta por distintos locais invitados polo Concello de Baiona e a Asociación de Comerciantes e Empresarios (Aceba).

A xornada comezou cunha explicación en primeira persoa do proceso de elaboración e comercialización do paté de percebe e derivados, produto novidoso que leva a cabo unha empresa de Baiona formada por 27 percebeiros.

A continuación comezou a degustación dalgunha das tapas participantes no concurso que chamaron a atención destes expertos gastronómicos, non só polo seu sabor, se non tamén pola exquisita presentación tanto das tapas coma dos locais.

É a primeira vez que o Concello de Baiona utiliza este soporte para promover e difundir eventos destas características.

Esta actividade, sinala María Iglesias promotora da idea, serve para reforzar a promoción do Concurso de Tapas, aproveitando as vantaxes que nos ofrecen os métodos on line e o uso das redes sociais. Unha promoción que os bloggers fan in situ a través de comentarios e fotos instantáneas que xera ao momento un gran tráfico de información e difusión, non só de Bai de Tapas, se non tamén dos recursos turísticos de Baiona, chegando a todos os seus seguidores en diferentes partes do mundo.

22 de abril de 2013 | 16:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.