Gondomar énchese de cor con novas flores de tempada

Xardíns municipais con flores
O Concello, está a levar a cabo os traballos de plantación de novos exemplares de tempada nos principais viais, accesos, parques e xardíns do municipio, tras os labores de preparación do terreo.
Así o anunciou o concelleiro de Vías e Obras, Jesús Salgueiro, quen explicou que “son tarefas que se están a acometer nas zonas verdes do municipio, e de momento xa se plantaron máis de 1.000 talos” e precisou que “a plantación se está a facer de forma progresiva”.
Os traballos estanse a desenvolver en parques como o da Coelleira, A Feira ou Das Ánimas e zonas como a Praza de Abastos, o Concello ou o Centro de Saúde.
En total, colocáronse unhas 1.500 plantas de tempada como petunias, xeranios, tagetes e outras variedades que contribuirán a embelecer distintos puntos do municipio nunha época na que a xente sae máis e dispón de máis tempo para pasear.
Dende o Concello realízase, así mesmo, un chamamento aos veciños de cara a fomentar o respecto de todas as zonas verdes, especialmente dos parques.
Esta actuación responde ao compromiso do Goberno local co mantemento e conservación das distintas zonas verdes do municipio.











