Gondomar celebrará dúas charlas sobre a praga do Picudo Vermello das palmeiras
A Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia pon en marcha unha serie de conferencias sobre a praga do Picudo Vermello, destinada a todos aqueles interesados en coñecer esta problemática e as posibles solucións tanto na súa prevención coma na súa erradicación.
Gondomar acollerá dúas destas charlas. A primeira delas impartirase no Centro Cultural de Donas o día 8 de maio; e a segunda será no Centro Cultural de Vilaza o 10 de maio. Ambas as dúas ás 20.00 horas.
Dende a Concellaría de Medio de Gondomar prevese que estas charlas serán de grande utilidade para facer fronte a esta praga que xa obrigou a tallar 4 palmeiras na parroquia de Borreiros.
Non é a primeira vez que Gondomar acolle unha xornada sobre o Picudo Vermello. O municipio xa foi escenario, o pasado mes de marzo, dunha xornada técnica organizada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia (COIAG) en colaboración coa Consellería de Medio Rural e do Mar e o Concello de Gondomar.
O Picudo Vermello é orixinario das rexións tropicais do Sueste Asiático e Polinesia. Na actualidade é o insecto máis daniño para as palmeiras chegando a causar, na maioría dos casos a súa morte. As larvas escavan galerías dende as follas ata a coroa, en cuxo interior se alimentan vorazmente. O tratamento contra esta praga non é sinxelo, xa que é resistente ás fumigacións. A falta dun método seguro, o mellor é eliminar as partes afectadas.











