Función familiar de “Frankenstein”, de Teatro dos Ghazafelhos en Santiago
Que se pode esconder nun escuro castelo perdido nas montañas? Quizais algo que non quere ser descuberto ou, quizais, algo que está a esperar a que o descubran? Frankenstein é unha aventura nas entrañas dun castelo onde dous científicos, a Dra. Mon Champignom e o Dr. Pe Arrepío, investigan se o lendario monstro Frankenstein existe ou non, e para iso cóanse dentro do castelo un día de tormenta e alí atopan a Igor, un estraño personaxe chepudo. Esta función de teatro infantil chega ao Principal o domingo 21 de abril, ás 18:30 horas, da man de Teatro dos Ghazafelhos. As entradas están á venda a 5 euros, cunha entrada familiar de 4 entradas por 15 euros. A Dra. Mon Champignom, é unha especialista en ciencias naturais. Intelixente, decidida, e fría. Investiga pola vella; diseccionando todo o que teña patas… Xunto a ela, o Dr. Pe Arrepío, compañeiro inseparable da Dra. Champignom, é especialista en ciencias paranormais. Moi soñador, covarde, e sincero. Gustaríalle atopar respostas a todos os soños da humanidade…
Acompáñaos nesta historia Igor, o chepudo, un personaxe desconcertante, non se sabe se vai ou vén. Dentro da súa estraña amabilidade esconde un enorme segredo. E por suposto, Víctor Frankenstein, un personaxe que parece estar á marxe da historia. De feito é o que presenta a historia e non aparece nela. É un personaxe torturado por dúas causas: a perda do seu gato Emperador III e a súa incesante loita coas ratas, que están por todas partes e son a alma da historia.
Frankenstein é un clásico da literatura, do cinema, do teatro e dos musicais. É unha obra que sempre está vixente para unha reposición e máis para público familiar xa que, ás veces, é complicado expor a monstruosidade á que pode chegar o ser humano por buscar a perfección. Iso pasoulle a Víctor Frankenstein e pásalle ás persoas que non se aceptan a se mesmas. Diso trata Frankenstein: da autoestima, do ser humano.
Teatro Ghazafelhos é unha compañía nada na comarca de Ferrol no ano 2006 e creada por Montse Piñón e Pepablo Patinho. Centrándose no traballo de monicreques, animación e teatro actoral, especialízanse na realización de obras teatrais para público familiar. Ghazafelhos soña con evocar nas súas historias ás grandes xenialidades que entenderon o máis efémero da vida: a infancia.











