Foros “Lidera a túa idea” asesorarán a mozos da Eurocidade para participar no programa Iniciativa Xove
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar, vai desenvolver en diferentes lugares da nosa xeografía os foros ” Lidera a túa idea”, concibidos co propósito de ofrecer apoio e asesoramento a todas aquelas persoas mozas que queiran levar a cabo as súas iniciativas e proxectos xuvenís no marco do programa “Iniciativa Xove”. Neste programa todas as iniciativas de interese para a mocidade teñen cabida: proxectos relacionados co emprendemento e a empregabilidade, novas tecnoloxías, comunicación, lecer ou educación non forma, entre outros.
Preténdese promover entre a mocidade experiencias de aprendizaxe non formal que lles permitan desenvolver as súas capacidades, creatividade e espírito emprendedor involucrándose na posta en marcha dos seus propios proxectos.
Os foros “Lidera a túa idea” son un xeito de proporcionar á mocidade galega toda a información necesaria e as ferramentas para poder levar a cabo a solicitude , desenvolvemento e execución de proxectos de participación xuvenil de calidade. Os Foros achegaranse aos campus das universidades, centros educativos, instalacións xuvenís e espazos xoves das distintas cidades e vilas galegas.
O foro chegará a Oficina Transfronteiriza de Información Xuvenil da Eurocidade (situada na antiga aduana de Feces de Abaixo), pertencente á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, o vindeiro 3 de maio ás 18 horas.
Para calquer dúbida ou consulta sobre este foro no enderezo: institutoxuventude.ctb@xunta.es.











