Formación para que os profesores empreguen recursos do cine que redunden na calidade do ensino
O anexo da Escola Municipal de Artes Escénicas acollerá durante o mes de abril e a primeira quincena de maio un curso de formación dirixido ao profesorado dos centros de ensino de Ourense, sobre “Cine e convivencia escolar”. O curso, organizado pola Concellería de Educación e homologado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, dotará ao profesorado, tanto de Infantil como de Primaria e Secundaria, de información e recursos sobre a importancia para a calidade de ensino dunha boa convivencia, formación cidadá e democrática, así como dos dereitos e deberes da cidadanía a través do cine.
As cinco sesións de formación, de tres horas cada unha, celebraranse os días 10, 17 e 24 de abril, e o 8 e o 15 de maio. Os profesores de Infantil e Secundaria que o desexen poden formalizar a súa inscrición gratuíta mediante o correo programas.educa@ourense.es, enviando o seu nome e apelidos, DNI, e se o ten, número de rexistro persoal e colexio. O prazo estará aberto ata o propio mércores día 10 (ou ata que se cubra o número de prazas, de 20).











