Fomento inicia os traballos de canalización do regato que desemboca na praia da Concha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Ministerio de Fomento acaba de iniciar os traballos de canalización do regato que desemboca na praia da Concha co obxecto de resolver os problemas que se producían cada vez que se rexistraban fortes chuvias e o río afloraba á superficie do areal. O Ministerio financia a actuación na súa totalidade xa que se fará como obra compensatoria pola construción da liña de alta velocidade ferroviaria. Os traballos comezaron polo último tramo do trazado na nova canalización, é dicir, pola praia, para garantir que o areal estará en perfectas condicións canto antes e poida ser utilizado por usuarios e bañistas coa chegada do bo tempo.

Unha vez tramitados os permisos necesarios das administracións e organismos correspondentes, o persoal da empresa adxudicataria das obras da alta velocidade comezou esta mañá a traballar na Concha sinalizando a zona pola que discorrerá a canalización do regato e incluso xa se comezou a abrir a zanxa pola que irá a condución soterrada. O proxecto que executará o Fomento consiste en recanalizar o último tramo do regato dende a zona da Escardia ata a súa desembocadura na Concha. Para elo instalarase unha nova canalización soterrada, que descorrerá paralela á actual, pola que só fluirán as augas do río.

Con esta medida o Concello pretende poñer fin aos problemas derivados da confluenza en varios puntos da rede de saneamento co curso do regato soterrado, o que provoca que cando o río baixa con moito caudal, a rede de saneamento se colapse e desborde. Nestes episodios, as augas negras xúntanse coas pluviais que buscan a súa saída natural pola desembocadura do regato.

Tres tramos

Nesta primeira fase, as obras centraranse neste último tramo do trazado, que pasará por un lateral do xardín da Concha. Como xa se comentara no seu momento, o regato irá a ceo descuberto no treito comprendido entre o Paseo Marítimo e da súa desembocadura no mar, en paralelo á escollera do peirao do Ramal, seguindo o seu curso natural. Para evitar arrastres de area e para delimitar o leito, a canalización a ceo aberto farase sobre unha base de cemento que se revestirá de madeira para suavizar o impacto nesta zona natural. Tamén se prevé a instalación de barandas protectoras de madeira.

Posteriormente continuarase nunha segunda etapa co tramo que atravesa a Avenida Rosalía de Castro. Para actuar nesta zona elixirase o momento de menor intensidade de tráfico para tratar de que as obras interfiran o menos posible na circulación rodada. Para isto tomaranse as medidas oportunas e os traballos efectuaranse primeiro nun carril e logo noutro, a efectos de que sempre permaneza operativo un carril polo que se irá alternando a circulación dos dous sentidos.

A última fase discorrerá entre as vivendas situadas fronte a praia da Cocha e continuará cara a zona da Escardia para enlazar a canalización soterrada coas novas conducións construídas por Fomento para recoller e conducir as augas pluviais que escorreguen dos taludes e desniveis realizados na liña do tren de alta velocidade.

Reunión coas mariscadoras

O Concelleiro Jesús Longa ten previsto convocar ao colectivo de mariscadoras que faenan na praia da Concha a unha reunión informativa que ten como obxectivo que os técnicos da adxudicataria e de Fomento lles expliquen polo miúdo a actuación que se vai a acometer. Segundo a opinión dos técnicos, a obra tamén reportará beneficios a este colectivo xa que a canalización evitará os problemas de desprazamento de area das zonas de faena que se producían cada vez que o regato desbordaba.

4 de abril de 2013 | 15:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.