Flores traslada o seu apoio aos traballadores na Fábrica de Armas

Flores reunido cos traballadores
O Voceiro do Goberno municipal, Julio Flores, visitou esta tarde os traballadores da Fábrica de Armas que continúan co seu encerro indefinido nas instalacións que a factoría ten na cidade. Flores reiteroulles que contan con todo o apoio do Goberno municipal: Non recordo un caso no que se lograse tanta unidade. Todos estamos a remar na mesma dirección: representantes dos traballadores, Xunta de Galicia e Concello. E é que temos todo o necesario para articular un novo proxecto, sobre todo traballadores cualificados e a posibilidade de diversificar a actividade, mesmo con empresas interesadas niso,” destacou o Voceiro.
Neste sentido, Julio Flores volveu demandar máis tempo á compañía: “Se General Dynamics quere abandonar o barco ten que entender que nós queremos que siga o seu rumbo, pero que nun mes non se pode articular un novo proxecto, este prazo é totalmente insuficiente. O único que necesitamos é máis tempo, polo menos ata decembro, xa que o resto o temos: traballadores cualificados, tecnoloxía, posibilidade de carga de traballo e tamén unidade sen fisuras. Con esta base só queda que a empresa demostre sensibilidade e nos dea o mesmo trato que lle deu a plantas como as de Palencia ou Murcia”, concluíu.











