Festa do Cabalo, callos e fútbol para o primeiro de maio en Nigrán
Nigrán recibe o Día do Traballo coa celebración da oitava edición da festa do cabalo nas Angustias, unha comida popular en Camos para recadar fondos para as festas do Corpus Cristi e un torneo de fútbol en Vilariño.
A festa do cabalo celebrarase, como é habitual, na terreos fronte ao Torreiro das Angustias, a partir das 11.00 horas e ao longo de todo o día, xa que a entrega de premios está prevista para as 20.00 horas. A organización prevé para esta edición a participación de máis dun centenar de xinetes, que disputarán ao longo de toda a xornada distintas probas, como yincanas para nenos e adultos ou carreiras de trotones, entre outras. Ademais, a Comisión de Festas das Angustias ofrece aos participantes unha comida, cun menú do día de 13 euros por persoa.
Callos e mexillóns
Pola súa banda, a Comisión de Festas do Corpus Cristi organiza para recadar fondos unha xornada gastronómica na Casa da Cultura de Camos, a partir das 10.00 horas, con tapas de callos e mexillóns a 5 euros a ración.
Torneo de cadetes
Pola súa banda, o Racing Club Vilariño celebra un torneo de cadetes, que terá lugar nas súas instalacións entre as 9.00 e as 21.00 horas, e no que se darán cita oito equipos de Vigo e comarcas, entre os que figuran o Racing Club Vilariño, o Erizana, o Tomiño, o Valladares e o Castrelos, entre outros.











