Ferrol traslada aos servizos xurídicos as accións polos policías locais que desatenderon a un veciño
O Goberno Municipal de Ferrol trasladou hoxe aos servizos xurídicos do Concello os feitos acontecidos a mañá do pasado xoves na praza do Callao, no que membros da Policía Local incumpriron coa súa obriga de atender unha infracción de tráfico ao tempo que menosprezou as indicacións ao respecto que lle fixo o concelleiro responsable da Área de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos e Seguridade, Guillermo Evia Pérez. Ademais, o devandito edil reafirmouse hoxe en que en ningún momento interrompeu as funcións dos gardas municipais, dirixíndose en todo momento cara eles de maneira respectuosa e sen proferir ameaza algunha.
Así as cousas, Guillermo Evia dirixiuse aos axentes locais a requirimento dun cidadán que lle manifesta a súa queixa polo estacionamento neses intres dunha camioneta nunha das beirarrúas da praza do Callao, sen que a Policía Local lle advertira ou sancionara por ese aparcamento irregular. A actuación do concelleiro a instancias dun veciño ten lugar despois de que os policías si que cumpriran co seu traballo e retiraran mediante guindastre outro vehículo que se atopaba invadindo a beirarrúa na mesma zona. A este respecto, o titular de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos e Seguridade quixo hoxe deixar claro que en ningún momento pediu aos axentes que non retiraran este vehículo mal estacionado –de feito cando Evia require aos axentes para que se interesen pola camioneta estacionada sobre a beirarrúa o coche xa estaba subido á guindastre-, e que non coñece ao propietario do devandito turismo, “que está correctamente sancionado”.
Así mesmo, Evia sinala que dende o primeiro momento identificouse como concelleiro ante os axentes municipais e que foi cando lle expuxo a queixa veciñal pola invasión de beirarrúa por parte da camioneta cando un dos axentes dirixiuse a el con modos “prepotentes” dicíndolle que estaba a interromper unha actuación policial, cando en realidade o que estaba a pedir era que, aproveitando a súa presenza no lugar, interviñeran tamén no caso da camioneta. O concelleiro puxo os feitos en coñecemento do responsable da Xefatura da Policía Municipal advertíndolle mediante unha mensaxe de teléfono da actitude dalgúns dos seus axentes, e temeroso de que este mesmo comportamento se reproducira con veciños e veciñas da cidade.
Accións xurídicas e disciplinarias
Ademais de poñer os feitos en coñecemento dos servizos xurídicos, ante a gravidade dos feitos –insubordinación a un mando superior- o concelleiro de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos e Seguridade levantou acta notarial da mensaxe remitida o mesmo día dos feitos ao xefe da Policía Municipal. Así mesmo, Guillermo Evia ten identificado e localizado ao veciño polo que intercedeu ante os axentes pedíndolles que actuaran ante a invasión dunha beirarrúa na praza do Callao por parte dunha camioneta de reparto.











