Ferrol somete a información pública a nova ordenanza reguladora da conservación e rehabilitación dos inmobles

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O Goberno Municipal de Ferrol, que preside Jose Manuel Rey Varela, deu hoxe un novo paso para avanzar na recuperación do centro histórico da cidade e da mellora da accesibilidade coa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) da aprobación inicial da nova Ordenanza Reguladora da conservación e rehabilitación dos inmobles, do estado ruinoso das edificacións e da mellora da accesibilidade ás vivendas e locais existentes. A Concellería de Medio Ambiente e Urbanismo, que dirixe Guillermo Evia Pérez, elaborou esta normativa coa que o Concello de Ferrol ten unha nova ferramenta para poñer en valor o conxunto histórico da cidade actuando sobre os propietarios que non cumpren coa súa obriga de ter en condicións as súas vivendas e solares.

Así as cousas, a ordenanza –aprobada inicialmente polo Pleno o pasado 27 de maio- entra agora nun período de información pública de 30 días que comeza a contar a partir de mañá e durante o que se poden presentar achegas ao documento. Entre outras medidas, a normativa recolle a posibilidade de que a Administración local poda ocupar temporalmente solares baleiros para darlles un uso público e así poñer en valor espazos da cidade actualmente degradados ou “mortos” dende o punto de vista urbanístico mediante pequenas intervencións para a creación neles de zonas de estancia, parques, etc…

Outra das novidades da normativa elaborada pola Concellería de Medio Ambiente e Urbanismo ten relación coa mellora da accesibilidade. Neste sentido, o regulamento permite a expropiación de espazos nos inmobles da cidade –tanto os existentes no casco histórico como nos barrios- para a instalación de ascensores cando así o acorde a comunidade de propietarios por maioría simple. E ao fío disto, nos casos en que existan limitacións de espazo ou técnicas, poderase ocupar terreo de dominio público para a instalación de elevadores ou ramplas.

22 de abril de 2013 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.