Ferrol simplica os trámites para a apertura de establecementos comerciais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O Concello de Ferrol axilizará os trámites para a instalación de negocios  e actividades inocuas mediante a aplicación do réxime de comunicación previa e declaración responsable por parte do solicitante. Así o explicou onte o concelleiro responsable de Medio Ambiente e Urbanismo, Guillermo Evia Pérez, quen matizou que quedan ao marxe deste procedemento as actividades consideradas molestas, nocivas e insalubres, así como as que impliquen o uso privativo e a ocupación de bens de dominio público. En concreto, esta medida, que será de aplicación en todo o ámbito municipal, beneficiará a practicamente todos os establecementos –comercios de venda de téxtil, calzados e similares- , pero non así aos de hostalería e aqueles que requiran informes sobre a súa incidencia medioambiental.

O titular de Urbanismo e Medio Ambiente do Concello de Ferrol sinalou que este procedemento administrativo para la apertura de negocios ou “licenza express” entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, previsiblemente a vindeira semana. “Trátase de favorecer a instalación de negocios na cidade mediante a simplificación dos trámites e da burocracia, co obxectivo de que os emprendedores, comerciantes e empresarios que queren abrir unha actividade no noso municipio poidan facelo practicamente de maneira inmediata e sen necesidade de ter que agardar durante meses para apoñer en marcha os seus negocios”, explicou Guillermo Evia. Neste sentido, o edil ferrolán sinalou que a principal vantaxe desta medida é que permitirá abrir os establecementos o día posterior de que presenten no Concello a comunicación previa e a declaración responsable. Con estes documentos o interesado pon en coñecemento da Administración municipal os seus datos e os da actividade a desenvolver, ademais de manifestar –baixo a súa responsabilidade- que cumpre cos requisitos esixidos pola normativa vixente para o inicio da actividade. A comunicación previa e a declaración responsable está suxeita a inspección posterior do negocio o establecemento por parte do Concello. “Os solicitantes responsabilízanse de cumprir as condicións esixidas e a inspección municipal farase a posteriori”, explicou Evia.

“Esta medida vai repercutir de maneira positiva na cidade, posto que nun momento económico tan complicado como o actual consideramos que a Administración debe axilizar a entrada en funcionamento de novas actividades, establecementos e negocios”, insistiu o concelleiro de Medio Ambiente e Urbanismo.  Deste procedemento administrativo abreviado para a entrada en funcionamento de negocios con actividades cualificadas de “inocuas” poderán beneficiarse tamén os titulares de tramitacións de licenza previa de apertura  iniciados con anterioridade á entrada en vigor desta resolución. Estes poderán, pois, desistir da súa solicitude e optar pola aplicación da nova normativa.

Nova ordenanza

De maneira paralela á aplicación desta resolución, a Concellería de Medio Ambiente e Urbanismo traballa na elaboración dunha ordenanza completa que regule as “licencias express”, tanto de actividade como de obras. Ao respecto, Guillermo Evia explicou que “por mor de modificacións lexislativas vímonos obrigados a levar a cabo unha nova redacción do regulamento para adaptalo a estes cambios na lei, pero a ordenanza xa a tiñamos aprobado inicialmente e se atopaba en proceso de exposición pública”. Esta é a razón pola que o executivo local optara pola vía da resolución co propósito de non demorar máis no tempo a aplicación dunha “ferramenta que pode ser eficaz para dinamizar a actividade comercial e xerar emprego e riqueza”, concluíu o edil ferrolán.

1 de abril de 2013 | 11:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.