Ferrol iniciará á maior brevidade o proceso de adxudicación de vivendas valeiras de Recimil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocalLocal Portada
A-
A+

O voceiro do Goberno Municipal de Ferrol, Jose Manuel Vilariño Anca, explicou hoxe os pasos que están a dar de maneira coordinada as Áreas de Benestar Social e Patrimonio da Administración municipal para, á maior brevidade, poñer a disposición das familias en situación de necesidade vivendas valeiras no barrio de Recimil. Neste sentido, Vilariño Anca apuntou que proximamente o Concello de Ferrol estará en condicións de comezar o proceso de adxudicación de pisos para os solicitantes inscritos na listaxe de valorados e admitidos polos servizos técnicos do Concello.

Ademais, e de maneira paralela a este proceso, o executivo local tamén porá a disposición vivendas para casos de emerxencia social, como poden ser os desafiuzamentos. Neste caso, o voceiro do Goberno de Ferrol explicou que o aloxamento de emerxencia nestas casas de Recimil terá un carácter temporal e puntual, mentres non se soluciona a situación das persoas ou familias coa tramitación e concesión doutros recursos, como a Renda de Integración Social de Galicia (RISGA), as becas de comedor, de aluguer, de manutención, etc. En canto ao número de vivendas que se adxudicarán e sobre as que se empregarán para o aloxamento temporal de casos de desafiuzamentos, Vilariño Anca sinalou que en vindeiras datas o Concello de Ferrol estará en disposición de dicir unha cifra concreta.

Vilariño Anca sinalou que “o Concello de Ferrol é ben consciente das situacións de emerxencia que padecen aquelas familias que carecen de recursos para facer fronte a unha hipoteca ou aluguer, máis aínda cando somos a administración máis próxima aos cidadáns e, polo tanto, a primeira que da resposta a estes casos”. Neste sentido, o voceiro do Goberno Municipal sinalou que “o desexo do Concello sería poñer a disposición moito antes as vivendas de Recimil para cubrir casos como os desafiuzamentos ou situacións de necesidade, e nese camiño estamos traballando”. Ao fío disto, Vilariño Anca lembrou a situación que se atoparon os servizos da Área de Benestar e de Patrimonio neste mandato, lembrando que “no cuadrienio pasado anunciouse a bombo e platillo por parte do executivo a adxudicación de 30 vivendas para emerxencia social, e non outorgou ningunha”. “Nin sequera”, engadiu o edil ferrolán, “o goberno anterior foi quen de rematar as valoracións da listaxe de solicitantes, cousa que tivemos que facer neste mandato”. Ademais, Vilariño Anca desvelou que os anteriores responsables de goberno “incluso reubicaron a unha familia nunha vivenda que estaba tapiada, e tivo que ser a actual titular da Área de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, a que arranxara a situación buscándolle á devandita familia un piso en condicións para aloxalos”. “O goberno anterior colocou o carro antes que os bois”, concluíu o voceiro do Goberno local, “atrevéndose a anunciar a disposición de vivendas para casos de emerxencia sen nin sequera saber se cumpriran cos mínimos requisitos de habitabilidade”.

Traballo de prevención

Por último, ao igual que a principios desta semana fixera a titular de Benestar Social, o voceiro do executivo ferrolán fixo un chamamento ás familias en situacións críticas para que acudan ás Unidades de Servizos Sociais do Concello de Ferrol co fin de que coñezan os recursos dos que poden dispoñer e traballar en previr que unha familia quede na rúa. Ao respecto, Vilariño Anca insistiu en que “a día de hoxe, ninguén en Ferrol queda na rúa por un desaloxo, posto que dende o Concello de Ferrol estamos dando resposta a todos os casos que se presentan”.

12 de abril de 2013 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.