Ferrol inicia a contratación do proxecto de execución para a reurbanización da Praza de Sartaña
O Goberno Municipal de Ferrol, que preside Jose Manuel Rey Varela, iniciou hoxe o proceso de contratación das obras de reurbanización da praza de Sartaña, no barrio de Ultramar. A Xunta de Goberno Local, reunida esta mañá en sesión extraordinaria e urxente, deu luz verde aos pregos de cláusulas administrativas e á convocatoria de licitación para a adxudicación da redacción do proxecto básico e de execución desta intervención, cumprindo así o compromiso que o propio alcalde de Ferrol asumiu cos veciños e veciñas de Ultramar a semana pasada, na visita que fixo a esta zona da cidade para comprobar as actuacións de mellora realizadas ao abeiro do Plan de Barrios.
O importe da licitación do proxecto de Sartaña aprobado esta mañá ascende a 28.575,35 euros (co 21% de IVE incluído), e o prazo de execución para a redacción da proposta de actuación será de tres meses, que comezarán a contar dende o día seguinte ó da sinatura do contrato administrativo. O Goberno Municipal ten reservado un investimento de até 300.000 euros para poñer en valor a praza de Sartaña como espazo público de convivencia veciñal e de ocio.
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou a adxudicación do contrato corresponden ás obras de reacondicionamento dos eixos de comunicación entre barrios históricos, que afecta á conexión da rúa Alonso López con Real. A empresa Acciona Infraestructuras S.A acometerá este proxecto que se enmarca no Programa Urban e que o Concello de Ferrol financiará con cargo a fondos europeos. O presuposto de adxudicación ascende a un total de 339.218,59 euros (incluído o 21% de IVE). Esta firma foi a mellor valorada pola Mesa Permanente de Contratación do Concello de Ferrol entre 24 propostas técnicas e económicas que se presentaron ao proceso.











