Ferrol inicia a contratación do centro cívico e para persoas maiores de Canido
O Goberno Municipal de Ferrol, que preside Jose Manuel Rey Varela, iniciou hoxe o proceso de contratación da redacción do proxecto básico e de execución do novo Centro Cívico e Centro para Persoas Maiores de Canido. A Xunta de Goberno Local, reunida esta mañá en sesión extraordinaria e urxente, deu luz verde aos pregos de cláusulas administrativas e á convocatoria de licitación desta actuación, cumprindo así o compromiso que o propio alcalde de Ferrol asumiu cos veciños e veciñas de Canido a semana pasada, durante a visita que fixo a este barrio para comprobar as actuacións de mellora realizadas ao abeiro do Plan de Barrios.
Neste novo equipamento social que proxecta o executivo de Rey Varela virá a satisfacer as demandas veciñais neste tipo de servizos, cubrindo as carencias que hoxe en día ten o barrio. O novo Centro Cívico e Centro para Persoas Maiores de Canido, que tamén albergará espazo para o desenvolvemento de actividades infantís, estará situado nunha parcela de ao redor de 850 metros cadrados da rúa Pérez Parallé. Os datos máis polo miúdo sobre as características desta infraestrutura e o seu custe coñeceranse cando estea lista a redacción do proxecto construtivo. O investimento estimado para esta actuación ascende ao millón de euros.











