Ferrol informa ás primeiras familias da adxudicación das vivendas sociais de Recimil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocalLocal Portada
A-
A+
Entrega das vivendas ás familias

Entrega das vivendas ás familias

A concelleira responsable da Área de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, reuniuse hoxe coas dez primeiras familias da listaxe de adxudicatarias das vivendas sociais do barrio de Recimil. No encontro, que tivo lugar nas dependencias do Edificio Social, participaron tamén os técnicos da Comisión de  Valoración das familias que no seu día solicitaron estes pisos.

O obxectivo desta xuntanza foi o de informar de que en datas moi próximas o Goberno Municipal procederá a facer efectivas as primeiras adxudicacións de vivendas en Recimil entre algunhas das familias hoxe citadas. A titular de Benestar Social explicou que este proceso de entrega farase de maneira progresiva. Así mesmo, Martínez Beceiro deu conta ás familias adxudicatarias das obrigas que terán que cumprir unha vez que reciban as vivendas, e as cales está recollidos no Regulamento Municipal de Vivendas de Recimil aprobado no mandato anterior. Así, para estas vivendas cun fin social establécese un contrato de aluguer por un período máximo de 5 anos renovable para unha posible prórroga e sen dereito a subrogación. Ademais, as familias adxudicatarias comprométense a cumprir cunha serie de normas de convivencia, e no caso de non facelo poderíase rescindir o contrato de aluguer. No que atinxe ao prezo do aluguer, este oscilará entre os 30 e os 100 euros mensuais, en función duns criterios técnicos que teñen en conta os ingresos mensuais das familias e o número de membros das mesmas.

Ademais de informar ás familias das condicións das adxudicacións, o equipo de traballadoras sociais da Área de Benestar requiríronlles documentación que certifique que a situación na que se atopan na actualidade é a mesma que tiñan cando se lles fixo a valoración. Neste sentido, un dos requisitos imprescindibles é que as familias solicitantes continúen empadroadas en Ferrol. Martínez Beceiro explicou que dende a Área de Benestar “faremos un seguimento das familias adxudicatarias para traballar con elas en tódolos ámbitos, non soamente no da vivenda senón tamén no que atinxe á procura de emprego, acceso a outras axudas de emerxencia, integración social, etc.”.

24 de abril de 2013 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.