Ferrol impulsará o emprendemento co proxecto europeo para un entorno empresarial favorable

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O Concello de Ferrol, a través da Área de Emprego dirixida por Martina Aneiros Barros, presenta mañá publicamente o proxecto de emprendemento “Rede de Cidades Europeas para un entorno empresarial favorable”  nun acto que terá lugar no Parador de Turismo ás 10:30 horas. Posteriormente, ao redor das 12.00 horas, a trintena de participantes nesta iniciativa serán recibidos no Pazo Municipal de Ferrol.

O proxecto foi aprobado para ser subvencionado dentro da convocatoria de propostas 2011 para o Programa “Europa cos cidadáns”. No mesmo, participan sete cidades de cinco países: Zagreb (Croacia); Varsovia, Kielce e Bydgoszcz (Polonia), Norrköping (Suecia); Rimini (Italia) e Ferrol. A iniciativa recolle un programa de actividades composto por catro seminarios internacionais. No primeiro de coordinación, o da cidade naval, participarán en total catorce persoas nas mesas de traballo, dous representantes de cada unha das cidades. No mesmo, elaboraranse propostas comúns e analizaranse as medidas que se aplican nos ámbitos do emprendemento a promoción económica e empresarial.

O obxectivo principal da iniciativa é crear cidades con entornos máis favorables para as empresas. Ademais, o proxecto establece obxectivos operativos como: o intercambio e transferencia de coñecementos no ámbito europeo acerca do apoio ao emprendemento, desenvolvemento de recomendacións para crear entornos máis favorables para as iniciativas empresariais, e a creación de redes de cooperación entre as cidades, as entidades e os implicados. Os principais destinatarios do proxecto son as persoas das áreas de desenvolvemento local e promoción económica das cidades participantes, outras axencias de desenvolvemento/promoción económica de administracións locais e rexionais, oficinas de emprego, universidades, e ONGs que teñan relación coa temática do proxecto.

17 de abril de 2013 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.