Ferrol dedica 6 millóns de euros a investimentos con recursos propios na presente anualidade
O Goberno Municipal de Ferrol máis que duplica a contía económica que destinará a investimentos ao longo do presente exercicio ao respecto da cantidade recollida no Presuposto Xeral do Concello de 2013. O concelleiro responsable da Área de Economía, Alejandro Langtry Caínzos, anunciou hoxe que o capítulo VI das contas municipais para esta anualidade pasa dos 2,4 millóns de euros inicialmente contemplados a algo máis de 6 millóns de euros, cumprindo deste xeito co anexo II de investimentos xa previsto cando se aprobou o orzamento vixente –e que ascendía a 2,8 millóns de euros-. Este aumento nos investimentos é posible coa incorporación dos remanentes de Tesourería do exercicio de 2012, que ascenden a 5,5 millóns de euros, e que quedará aprobada no pleno do vindeiro xoves despois de que esta mañá foi presentada a proposta aos grupos municipais en comisión informativa.
En canto ao destino destes investimentos, Langtry Caínzos detallou algúns dos máis salientables que “permitirán atender aos grandes temas de cidade”. Así, incorpórase ao orzamento municipal unha partida especifica de 500.000 euros para o proxecto de “Abrir Ferrol ao Mar” –recuperación dos baixos da Costa de Mella e dos Xardíns de San Francisco-; outra de 400.000 euros destinada ao pago de expropiacións e que, entre outras obras, permitirá acometer a construción de beirarrúas na avenida 19 de febreiro de Serantes; 300.000 euros para o saneamento do rural ou 850.000 euros para a mellora de prazas e vías públicas como o remate da superficie da praza de España e a reurbanización de Sartaña e da rúa do Sol. Tamén están recollidos os 400.000 euros que se dedicarán ao Plan de Pintado e Sinalización anunciado na xornada de onte polo propio alcalde. A estes investimentos, o edil ferrolá engadiu aqueles que se levarán a cabo con cargo ao Plan Urban, destacando destes últimos o novo Centro Cívico de Canido e a mellora do Parque Municipal Raíña Sofía. “Unha serie de actuacións que permitirán iniciar ao longo deste ano e do próximo a transformación da cidade”, dixo o edil ferrolán.
Ademais, o titular de Economía referiuse a dúas novas actuacións que se acometerán en Benestar Social, “un área que é prioritaria para este goberno municipal”. Así, se destinarán 100.000 euros para a adaptación da nave de servizos para Banco de Alimentos e algo máis de 50.000 euros para completar as obras pendentes no Centro de día de Telleiras e proceder deste xeito á súa posta en servizo. Así mesmo, en Servizos e Seguridade incorpóranse partidas para o mantemento de instalacións eléctricas (160.000 euros), coidado de zonas verdes (140.000 euros); mobiliario de parques infantís (30.000 euros); mellora dos mercados municipais (80.000 euros), vestiario da policía (60.000 euros) e limpeza e aseo (114.000 euros).
Para rematar, outras contías significativas ás que se referiu o responsable municipal de Economía e Facenda son: 100.000 euros para Participación Cidadá; 50.000 euros para un convenio con COFER para apoio a Patrimonio da Humanidade e a promoción da marca Ferrol; 40.000 euros destinados a ampliar o Plan de Dinamización do Comercio e da Hostalería; 100.000 euros para a reparación de edificios municipais; 50.000 euros para a mellora do mobiliario e equipamento dos centros culturais; 60.000 euros para construción dun circuíto BTT en colaboración coa Asociación de Veciños de Esmelle; 80.000 euros para o mantemento e melloras en centros escolares; 30.000 euros para o Plan de Dinamización Xuvenil; e 67.300 euros para o Plan de Dinamización Turística 2012-2013 así como para incrementar a achega do Concello á empresa mixta de turismo.
FIMO
Por último, Alejandro Langtry explicou que o Concello de Ferrol achegará 500.000 euros para “salvar a situación” de FIMO. Esta cantidade, explicou o titular de Economía, permitirá facer fronte ao pago de nóminas que se lles deben aos traballadores e reflotar o recinto feiral de tal xeito que sexa viable. “Non queremos que FIMO siga sendo un saco sen fondo, por iso estamos a traballar nun plan de viabilidade e na ampliación do Consorcio Pro Feiras e Exposicións de Ferrol coa entrada da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial da Coruña”, lembrou Langtry.
Ao fío disto, este responsable municipal sinalou que “FIMO pecha os seus exercicios económicos con perdas dende o ano 2007 e a débeda actual ascende a 1,8 millóns de euros. Ao mesmo tempo que se pechaban as anualidades con números negativos foron incrementándose os gastos de persoal nun 40%”. Langtry Caínzos manifestou que estes datos evidencian “a nefasta xestión dos anteriores responsables da Cámara de Comercio –socio maioritario en FIMO- e dos representantes do executivo municipal no anterior mandato, que miraron para outro lado en lugar de afrontar a situación”.











