Ferrol conmemora o 150 aniversario de Cantares Gallegos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

A concelleira de Educación do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós, asistirá o vindeiro domingo, día 28, aos actos institucionais organizados polo Concello de Ferrol con motivo do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos e do 50 aniversario da institucionalización do Día das Letras Galegas.  A homenaxe terá lugar ás 12.00 horas na praza Rosalía de Castro, e está organizada polo departamento  de Normalización Lingüística xunto co movemento asociativo cultural e veciñal de Ferrol.

O obxectivo desta cerimonia é rememorar o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos. Ademais, ao mesmo tempo será conmemorado o acordo adoptado pola Real Academia Galega (RAG), o 28 de abril de 1963, de institucionalizar o Día das Letras Galegas.

Programación

No acto institucional intervirán un membro do Consello Municipal da Lingua, ademais de autoridades locais. Entre a programación destacan a lectura de poemas de Cantares Gallegos a cargo de alumnos do IES Canido, do CPR Sagrado Corazón e CEIP San Xoán de Filgueira; ou a ofrenda floral ante o monumento de Rosalía de Castro. Así mesmo, os asistentes poderán escoitar o poema da homenaxeada Airiños da miña terra da man da Coral Alecrín e a peza Negra sombra interpretada pola Coral Polifónica Armonía. O colofón final estará marcado polo Himno galego representado por un gaiteiro do Real Coro Toxos e Froles de Ferrol.

 

26 de abril de 2013 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.