Ferrol abre o prazo para acollerse as liñas de subvención de igualdade para o ano 2013
O Concello de Ferrol abre o prazo de presentación de solicitudes para acollerse á convocatoria de axudas a asociacións e entidades para o ano 2013 en réxime de concorrencia competitiva, para programas e actividades da Área de Igualdade. As bases pódense consultar no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de hoxe, no que se establece que as peticións deben cursarse no Rexistro Xeral da Casa Consistorial nun período máximo dun mes.
A edil de Igualdade, Verónica Casal Míguez, lembrou que a contía total desta liña de axudas ascende a 25.000 euros para o exercicio 2013, e que poderán optar a elas aquelas entidades que non solicitaran ou teñan concedida algunha axuda para o mesmo fin dentro da Área de Benestar Social, Igualdade e Xuventude. Poderán solicitar as axudas as entidades que cumpran os seguintes requisitos: estar constituídas legalmente; figurar no rexistro municipal de asociacións do Concello de Ferrol; que, de acordo cos seus estatutos, teñan como obxectivos e finalidades promover a igualdade entre mulleres e homes, e a participación e presenza das mulleres na vida política, económica, cultural e social; ademais de que estean ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias, Seguridade Social e co Concello de Ferrol e que cumpran os requisitos de beneficiario esixidos no art. 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
No que atinxe á documentación, deberán presentar xunto coa solicitude os seguintes papeis: certificado expedido pola secretaría da entidade, acreditando a identidade da súa representación legal; memoria explicativa da entidade e das actividades realizadas no ámbito das políticas de igualdade nos últimos dous anos; declaración asinada pola representante legal da entidade, na que exprese a non concorrencia dalgunha das circunstancias a que se refire a Lei de subvencións de Galicia, citada con anterioridade; declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas concedidas e solicitadas para o mesmo proxecto procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados; orzamento desagregado onde consten os custos estimados dos conceptos para os cales se solicita a subvención; programa que se vai realizar; fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal e dos estatutos da entidade.











