Ferrol abre o prazo de inscrición para o novo “obradoiro de mecánica de automóbil”
A concelleira de Igualdade, Verónica Casal Míguez, informou hoxe sobre o “Obradoiro de mecánica de automóbil” dirixido a homes e mulleres do Concello de Ferrol que dispoñan do permiso de condución tipo B ou que estean en proceso de obtención do mesmo e queiran ampliar os seus coñecementos sobre os elementos principais e as actividades básicas de revisión e mantemento do automóbil. O curso dará comezo o 7 de maio e será os martes e xoves de 17:00 a 19:00 horas nas dependencias municipais da Casa da muller, situada na rúa Lugo, 56.
A edil de Igualdade sinalou que os obxectivos deste obradoiro son “modificar os estereotipos na asignación de roles, de forma que homes e mulleres asuman as devanditas tarefas de forma igualitaria e con corresponsabilidade, ademais de impulsar un cambio de actitudes a favor dunha cooperación máis equilibrada no ámbito social e familiar que permita alcanzar un desenvolvemento integral de mulleres e homes”. Ademais, esta acción formativa busca que os seus participantes manteñan os vehículos en mellores condicións sen ter que depender doutras persoas para realizar estas labores; que os usuarios teñan capacidade de reaccionar axeitadamente ante calquera eventualidade; ou o aforro de tempo e diñeiro ao ter os coñecementos necesarios para realizar tarefas básicas de mecánica de automóbil.
Contido
O obradoiro teórico-práctico sobre mecánica automobilística proporciona as ferramentas necesarias para diagnosticar fallos e solucionar problemas. Distribución, lubricación, refrixeración, carburación, sincronismo e arranque son algúns dos temas que se desenvolven durante a cursada. A acción formativa está organizada nun obradoiro presencial de oito sesións –de dúas horas cada unha- e terá unha duración total de 15 horas. Así, o curso estará estruturado en diferentes módulos, impartidos por persoal especializado que achegará coñecementos e dinamismo para o aproveitamento das sesións. A metodoloxía está definida polo carácter práctica combinado con breves explicacións teóricas relacionadas cos contidos. O profesorado realizará demostracións, consellos que faciliten a aprendizaxe e o correcto desenvolvemento das tarefas, para que o alumnado as poña en práctica baixo a súas supervisión.
O obradoiro conta cun máximo de 15 prazas e o prazo de inscrición finaliza o vindeiro luns 6 de maio. As solicitudes deberán ser presentadas no Rexistro Xeral do Concello de Ferrol.











