Fernández Prado destaca que o último informe do Parrote garante a protección do baluarte

Visita ás obras do Parrote
O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, e o presidente da Autoridade Portuaria, Enrique Losada, nunha visita á zona do Parrote para supervisar o avance das obras, informaron da aprobación do proxecto de posta en valor das estruturas defensivas por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. A Autoridade Portuaria licitará o proxecto en maio co obxectivo de finalizalo en marzo de 2014.
O plan, que prevé o mantemento das estruturas in situ, conta cun presuposto de 1,2 millóns de euros. Fernández Prado destacou que grazas á colaboración e diálogo entre as tres administracións as obras encistadas durante anos se desbloquean e empezan a dar os seus froitos. Este é o último informe patrimonial para O Parrote que completa así todos os documentos requiridos e emitidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: “Foi un enorme esforzo neste ano e medio para solucionar brillantemente un problema. Hai que agradecer o traballo das dúas administracións que atenderon todas as demandas do Concello”, afirmou o tenente de alcalde. “Esta obra
-continuou- é o exemplo de que entre todos podemos construír unha cidade mellor”.
A conservación e posta en valor das estruturas históricas compatibilizarase coas obras do vial e do aparcadoiro subterráneos, para que estean finalizadas ao mesmo tempo. Actualmente, xa se está a executar a protección do baluarte, así como o recheo interior que conformará a praza elevada, aproveitando as achegas de material das obras do aparcadoiro.
Fernández Prado destacou a posta en valor, no proxecto, dos restos arqueolóxicos, pois se respectan as murallas, o que permite a súa conservación e promoción cultural. “Con esta actuación protexemos, coidamos e promovemos o patrimonio artístico e arquitectónico da cidade”, indicou. Neste sentido, recordou que a recuperación dos restos do Parrote forma parte do Plan de Murallas, que se une aos traballos de limpeza dos baluartes defensivos, da Coiraza e do proxecto de recuperación dos depósitos arqueolóxicos.
Dado que a maior parte do baluarte está situado baixo o nivel do mar, e polo tanto, baixo a futura explanada, se creará un espazo para que poida verse. Este espazo estará situado á altura da planta -1 do aparcadoiro, na zona onde se encontran o baluarte e a cortina. Habilitaranse unhas escaleiras para que poida baixar a esta zona. Ademais, este espazo de visión arqueolóxica tamén poderá verse dende o interior do aparcadoiro. “Queremos que os coruñeses coñezan o seu patrimonio, se sintan orgullosos del e o sigan coidando durante moitos séculos”, indicou Fernández Prado. Pasamos -engadiu- dun problema a unha grande oportunidade. Queremos facer do corazón da cidade un espazo peonil, protexido e de acollida para todos os coruñeses e visitantes e para darlle toda a calidade urbana”.
Sobre os restos do baluarte e a cortina, realizarase unha recreación de ambos os dous elementos ata a cota da explanada, coa mesma tipoloxía que o orixinal, aínda que poderán diferenciarse os restos orixinais e a nova intervención. Isto complétase coa conservación do resto do baluarte, protexéndoo cun material geotextil sobre o que se colocará un recheo e unha reinterpretación da muralla na superficie a través de grandes bloques de pedra, seguindo a planta orixinal. Deste xeito xérase unha praza sobreelevada con respecto ao resto da explanada do Parrote.
Nos dous conxuntos de locais realizarase unha actuación de limpeza e análise do estado da muralla orixinal, do século XIV. Retiraranse os tabiques interiores para crear espazos máis abertos, de 250 metros cadrados cada un. Ademais, preacondiciónanse (pavimento, revestimento, pintura e preinstalacións) de cara ao seu uso posterior como espazos complementarios das estruturas históricas.
Fernández Prado aproveitou para destacar o bo ritmo das obras actuais. “A obra do aparcadoiro e do vial subterráneo marcha ao ritmo programado, polo que mantén a data de finalización para o mes de marzo de 2014”, destacou. “No que respecta ao aparcadoiro -continuou-, xa se ven os piares e as vigas da estrutura na zona máis próxima a Porta Real”. Proximamente, construirase o forxado e o teito do aparcadoiro, que será o chan da futura explanada. No que respecta ao vial subterráneo, que discorre na franxa máis próxima ao cantil, continúa a construción do muro pantalla na zona da Solaina. No prazo dun mes comezará a construírse tamén o muro pantalla na zona máis próxima a Porta Real.
O responsable de Medio, Territorio e Infraestruturas destacou o importante investimento de preto de 40 millóns de euros, dos cales máis de 20 millóns corresponden a investimento privado. Na actualidade traballan ao redor de 60 persoas, e alcanzarase o centenar de traballadores o próximo verán.











