Fernández Prado comprométese a dialogar cos veciños para avanzar na elaboración do PEPRI

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, participou esta tarde nun debate organizado pola asociación veciñal do Casco Histórico para informar sobre a revisión Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) que se encontra a exposición pública para que os cidadáns acheguen suxestións para mellorar o documento final. O concelleiro destacou que o novo plan significará reforzar o obxectivo do actual equipo de goberno de protexer e manter o patrimonio da cidade e a trama urbana nun ámbito de especial valor como é a Cidade Vella e Peixaría.

Fernández Prado animou a cidadanía a participar na elaboración do novo PEPRI, posto que a intención do Concello é construír entre todos un plan especial que garanta e mellore a conservación dos edificios do Casco Histórico e Peixaría. Neste sentido, o tenente de alcalde comprometeuse a manter a senda de diálogo e as reunións que sexan necesarias con veciños e comerciantes para escoitar as súas suxestións e explicarlles de xeito pormenorizado o PEPRI, en especial en cuestións relativas ao aparcadoiro, a mobilidade e os equipamentos públicos.

Fernández Prado recordou que xa se remitiu unha notificación de xeito individualizado da aprobación do documento a cada un dos máis de 12.000 veciños e comerciantes que figuran na Dirección Xeral do Catastro como propietarios de inmobles, edificios e parcelas neste ámbito que comprende a revisión do PEPRI. Ademais, na Sala de Exposicións de Durán Loriga pódese visitar unha mostra divulgativa que achega o PEPRI aos coruñeses e, nos próximos días, Fernández Prado iniciará unha rolda de reunións con asociacións de veciños e comerciantes, profesionais, entidades e colectivos interesados para favorecer a máxima transparencia, colaboración e participación da sociedade coruñesa na elaboración deste novo Plan Especial, aprobado de xeito inicial en Xunta de Goberno en decembro de 2012.

O tenente de alcalde explicou que se realizou unha análise exhaustiva de cada edificio para lograr unha mellor e maior aproximación á situación real do Casco Histórico e Peixaría. En total, son 1.099 inmobles catalogados (o 65% do conxunto) e 600 non catalogados. O Goberno municipal busca protexer e manter o patrimonio arquitectónico desta zona emblemática da cidade, un novo Plan Especial de Protección e Reforma Interior que se acompaña doutros proxectos municipais para favorecer a recuperación do tecido urbano e a accesibilidade, como por exemplo o Plan de Murallas e as axudas municipais para a instalación de ascensores.

Neste sentido, Fernández Prado informou de que no PEPRI se recolle un programa dirixido á rehabilitación integral do conxunto dos edificios, con especial relevancia aos inmobles que máis o necesitan: 290 catalogados (con 1.042 vivendas) e 44 non catalogados (284 vivendas). Son un total de 334 edificios con 1.326 pisos, unha reforma que fomentaría a mellora das condicións de 807 familias residentes e a ocupación de 519 vivendas actualmente baleiras, o que elevaría ata o 88% a ocupación residencial no Plan Especial e a mellora de preto de 40.000 metros cadrados de uso comercial, servizos e actividades.

MOBILIDADE

O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas aproveitou para explicar que o novo PEPRI tamén recolle solucións e propostas para mellorar a calidade de vida no Casco Histórico e Peixaría máis alá do ámbito urbanístico. Fernández Prado puxo como exemplo as medidas que se formulan para potenciar a mobilidade e favorecer a accesibilidade ao barrio das familias -en especial das persoas con mobilidade reducida-.

As propostas do PEPRI permitirían dispoñer no futuro de ao redor de 397 prazas de aparcadoiro na rede viaria do ámbito e ámbito próximo da Cidade Vella, 150 delas destinadas a residentes. A maiores, habería que engadir as prazas que se localizan no interior dos edificios -arredor de 532- e outros proxectos que se puideron desbloquear nesta lexislatura como a construción do aparcadoiro do Parrote.

5 de abril de 2013 | 21:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.