Fernández Prado avanza que o PEPRI permitirá revitalizar o ámbito de San Agustín

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► A Coruña ► Local ▼
A-
A+
Reunión do tenente alcalde e representantes do Distrito 1

Reunión de Fernández e representantes do Distrito 1

O tenente de alcalde de Territorio, Infraestruturas e Medio, Martín Fernández Prado, mantivo esta mañá unha reunión con representantes de Distrito 1 para informalos sobre o Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) e escoitar, de primeira man, as súas inquietudes e suxestións.

O concelleiro avanzoulles que o PEPRI é a clave que permitirá dotar ao ámbito de San Agustín dunha solución global e, polo tanto, facilitará a revitalización deste espazo tan importante para a cidade. Os asistentes acolleron con satisfacción esta noticia, xa que é unha das principais demandas veciñais da zona. Por outra parte, igual que aconteceu cos veciños da Asociación da Cidade Vella, Fernández Prado explicoulles que o PEPRI propón unha reordenación do aparcadoiro, un problema que leva sen resolver anos e que preocupa aos residentes da zona de Peixaría.

Os asistentes ao encontro, que ten como obxectivo aclarar as dúbidas dos veciños e tratar de recoller as súas suxestións para consensuar o documento técnico elaborado polo equipo redactor, trasladaron ao concelleiro o seu interese en contar con máis espazos de esparexemento destinados a nenos e maiores. Martín Fernández Prado aseguroulles que é un dos obxectivos que forman parte da axenda da súa área e se comprometeu a estudar todas as súas suxestións.

Nos próximas días, o concelleiro e o equipo redactor do PEPRI manterán encontros coa Asociación de Veciños Enseada do Orzán; Asociación de Comerciantes Soho – Orzán; Asociación de Comerciantes Obelisco; Colexio Oficial de Aparelladores, Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros de Edificación; Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario; Colectivo 15001; Colexio Oficial de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos; e Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Esta iniciativa é unha clara aposta do Goberno local pola transparencia do documento e o seu proceso de redacción e aprobación, así como por fomentar a participación e implicación dos veciños na súa elaboración. Súmase a outras medidas que perseguen este mesmo obxectivo como a notificación individualizada da aprobación inicial do documento aos 12.000 veciños; a exposición pública que se pode visitar na Casa de Cultura Salvador de Madariaga; a web www.coruna.es/urbanismo; e a formación dun equipo de traballo que, cita previa, atenderá persoalmente a cada comunidade de veciños ou propietario que demande información.

18 de abril de 2013 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.