Fernández Paz presenta na compañía de Bragado o seu novo libro “Desde unha estrela distante”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPontevedra
A-
A+

O recoñecidísimo escritor galego, Agustín Fernández Paz, presentou o seu novo libro “Desde unha estrela distante” no Pazo da Cultura. Fíxoo acompañado do seu editor, Manuel Bragado de Edicións Xerais e da concelleira de Cultura Anxos Riveiro Portela ante o mellor público que un escritor pode ter: 50 nenos/as do centro Manuel Vidal Portela que tiveron o privilexio de ser os primeiros en escoitar, da boca de Agustín, un anaquiño da historia que leva como protagonista a Daniela.

Un privilexio que souberon aproveitar ao máximo, xa que ao rematar de contar, deixando aos pequenos/as co gusaniño de saber cómo continuaba a historia, foron moitas ás mans erguidas para facer preguntas. Grazas a elas, coñecemos como Agustín se fixo escritor: “A min sempre me gustou moito ler, dende moi pequeno. Tanto que, penso que coma todo o mundo ao que lle gusta moito ler, de repente sentín a necesidade de escribir os meus propios libros”.

Nenos e nenas escoitaron atentos todas as súas respostas, pacientes e doces coma Agustín, que recomenda aos máis pequenos preguntarse de vez en cando “Que pasaría se…” para escribir historias. Se cadra non tantas coma el, con máis de 50 títulos ás costas. El, unha fonte inesgotable de ideas ás que lles da forma escribindo a man “sempre en cadernos de follas amarelas”.

23 de abril de 2013 | 16:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.